A COMEDIA “ESTRELA DE DÍA” ABRE ESTE SÁBADO A PROGRAMACIÓN CULTURAL DO MES DE MAIO
O Concello de Ortigueira dá a coñecer a súa programación cultural para o mes de maio, que comeza esta mesma fin de semana coa representación da obra “Estrela do día”. Será o sábado, día 1, a partir das 19.30 horas, no Teatro da Beneficencia e con entrada gratuíta ata completar as prazas dispoñibles. Trátase dunha obra da compañía Excéntricas que promove a Deputación da Coruña dentro da súa programación polo Día do Libro. Defínese como unha “comedia divina”, na que os actores levarán os milagres de María aos ollos dos espectadores máis descreídos.
A seguinte cita será o domingo 16, tamén no Teatro da Beneficencia, nun acto organizado polo Concello para conmemorar o Día das Letras Galegas que dará comezo ás 19.30 e igualmente gratuíto. No mesmo farase entrega dos premios do I Concurso de Microrrelatos de Arrós -para o que remata o prazo de presentación de traballos o vindeiro día 30 de abril- e darase lectura aos traballos gañadores. A continuación actuarán os narradores Celso San Martín e Quico Cadaval, para pechar cunha actuación da Escola de Gaitas de Ortigueira.
O sábado 29 chega a quenda do ocio familiar, da man do musical “O Libro da Selva”, no Teatro da Beneficencia ás 18.00 horas. O prezo das entradas é de 3,50 euros.
Por outra banda, o Concello lembra que ata o día 7 de maio pódese visitar no primeiro andar do Concello a exposición do XIV Premio Internacional Jesús Núñez de Arte Gráfica 2019, promovido pola Deputación. Está aberta de luns a venres, de 10.00 a 14.00 horas.