Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O ACENDIDO DAS LUCES DE NADAL SERÁ MAÑÁ ÁS OITO DA TARDE NA PRAZA DE ISABEL II

Mañá sábado é un día grande nas festas de Nadal de Ortigueira. Desde as seis da tarde haberá na praza de Isabel II animación infantil con música e obradoiros para os máis pequenos da casa a cargo de Mundo Diversión. A continuación actuará a Escola de Gaitas de Ortigueira e, como colofón, procederase ao acto de acendido das luces de Nadal, un acto previsto para as oito da tarde.

Os nenos e nenas seguirán a ser os protagonistas nestas datas. O día 24 ás 17.00 horas haberá unha nova festa infantil nunha carpa instalada na Alameda. A esperada visita de Papá Noel será ás seis e media da tarde. O día 25 a rapazada volverase reunir neste mesmo lugar para continuar a festa.

En canto á actividade cultural, a obra de Teatro da Ramboia “O meu mundo non é deste reino” cambia de data e, en lugar de se celebrar mañá sábado posponse para o domingo. Trátase dunha adaptación da obra de Manuel María “Farsa de Bululú” que é unha parodia contra as dictaduras. A representación será no Teatro de Beneficencia ás 19.30 horas.

A música terá tamén moito protagonismo nas festas. O venres 20 na igrexa de Santa Marta -onde está aberto ao público un espectacular belén montado sobre escenarios deseñados por Camilo Díaz Baliñohaberá un Concerto de Nadal da Escola de Música do Concello de Ortigueira, a partir das 19.30 horas. Á semana seguinte, o venres 27, celebrarase un Festival Solidario da Escola de Gaitas de Ortigueira, neste caso no Teatro de Beneficencia ás 20.30 horas. O sábado 28 ás 19.30 será a quenda da música clásica, coa actuación, tamén no teatro, do trío de corda dirixido por Mijail Moriatov. O prezo das entradas é de 3 euros.

E para rematar a programación de decembro o domingo 29, no mesmo escenario, de novo a solidariedade será o eixe central do festival organizado polo Coro de Espasante a beneficio de Aspromor (Asociación Pro-Minusválidos de Ortegal), desde as seis da tarde.

Back to top