O CONCURSO DE SOLISTAS “PROXECTANDO SONS”, DA BANDA SINFÓNICA DE GALICIA, TERÁ LUGAR ESTE SÁBADO NO TEATRO DE BENEFICENCIA
O Teatro de Beneficencia de Ortigueira acollerá este sábado, día 29, o concurso de solistas “Proxectando sons”, da Banda Sinfónica de Galicia, que dará comezo ás seis da tarde. Trátase dunha audición pública na que participan os músicos maiores de 15 anos seleccionados nunha primeira fase do certame organizado pola BSG. Os e as aspirantes interpretarán unha obra ou movemento cunha duración de entre 8 e 12 minutos.
O primeiro premio consistirá en actuar como solista nos concertos da banda dentro da xira “Música e valores”, que ademais serán gravados nun documental.
A empresa colaboradora Piccolo Music Store outorgará tamén dous vales de material, un de 200 euros para o primeiro premio e outro de 100 para o segundo.
Esta é a primeira das iniciativas que a Banda Sinfónica de Galicia desenvolve este verán en Ortigueira. Do 5 ao 11 de agosto terá lugar un encontro da agrupación na vila, que será a base desde a que realizarán a xira “Música e Valores”. Esta inclúe concertos en Ribadeo, o 9 de agosto; Sober, o 10; e Ortigueira, o 11 de agosto. Os ensaios levaranse a cabo na Escola Municipal de Música de Ortigueira e no Teatro de Beneficencia e os participantes pernoctarán nun albergue no colexio público. Haberá tamén actividades de ocio e culturais paralelas.