ORTIGUEIRA CELEBRA AS LETRAS GALEGAS
O Concello de Ortigueira celebra ao longo de toda esta semana a festividade do Día das Letras Galegas, dedicado á figura de Antón Fraguas, con diferentes actividades. Mañá martes terá lugar un Obradoiro para nenos e nenas de 3 a 5 anos co título “Un conto polas Letras Galegas”, que se desenvolverá a partir das 17.30 horas na biblioteca municipal.
Ao día seguinte, o mércores e tamén na biblioteca, haberá un novo taller, neste caso para adultos, sobre scrapbooking.
O venres 17 terá lugar a conmemoración propiamente dita con música e poesía desde as 12.00 horas na praza de Isabel II. Actuarán a asociación cultural Gamelas e Anduriñas e a charanga New Belters e haberá un recital poético. A organización corre a cargo da asociación Galioart, que entregará nesta mesma data os premios do certame de poesía convocado con motivo do Día das Letras Galegas.
Aínda queda un día máis, o sábado 25, para festexar esta data. Ás 20.30 a Banda de Música de Ortigueira organiza na igrexa parroquial de Santa Marta unha homenaxe ás Letras Galegas. Ademais da propia banda actuará o coro do IES de Ortigueira.