O CONCELLO ORGANIZA DÚAS VISITAS GUIADAS DIARIAS AO TEATRO DE BENEFICENCIA DURANTE A PONTE DA CONSTITUCIÓN
O departamento de Turismo do Concello de Ortigueira organiza visitas guiadas ao Teatro de Beneficencia durante a ponte da Constitución. A iniciativa, destinada aos viaxeiros que recibirá a vila durante esas datas pero tamén a persoas da contorna que aínda non coñezan o teatro, é gratuíta e os percorridos desenvolveranse todos os días desde o xoves 6 ao domingo 9 ás 11.30 e ás 12.30.
O Teatro de Beneficencia forma parte do antigo conxunto conventual construído no século XVI. Era un espazo que os monxes dedicaban a almacenamento de viño e leña, posteriormente remodelado a iniciativa da veciñanza para transformalo nun exemplo de arquitectura italiana. Foi inaugurado por vez primera no ano 1850 e no seu interior destacan as pinturas de Vicente Martínez Laxe.