Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Ortigueira promulga o seu V Plan de Igualdade para lograr unha sociedade máis xusta e inclusiva

O Concello de Ortigueira publicou recentemente o seu ‘V Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes’, un documento que ten como principal obxectivo lograr un desenvolvemento sostible, cohesión social e unha calidade de vida óptima para os veciños e veciñas. Con este documento, que ten unha vixencia de 4 anos, o Concello comprométese, unha vez máis, a liderar o camiño cara a unha sociedade máis xusta e inclusiva.

Para lograr este propósito, esta guía contempla actuacións en seis ámbitos fundamentais: transversalidade e coordinación na Administración; educación; formación, inserción laboral e conciliación; empoderamento, concienciación e participación social; benestar social e calidade de vida; e violencia de xénero.

No primeiro dos puntos, contémplanse medidas como poñer ao dispor do persoal do Concello cursos de formación e ferramentas básicas sobre igualdade de xénero, establecer unha canle de comunicación periódico entre os diferentes departamentos do organismo local (como a creación dunha Mesa de Coordinación Interdepartamental para tratar), e potenciar o CIM.

En canto á educación, márcanse outros tres obxectivos clave: mellorar a comunicación entre o CIM e os centros educativos, desenvolver actividades educativas que aborden temas sobre a igualdade de xénero e deseñar actividades dirixidas e adaptadas á poboación máis nova. En materia de formación, inserción laboral e conciliación, búscase garantir unha adecuada combinación entre traballo e vida persoal para as orteganas, ampliando os servizos e as políticas a este respecto; ofertar actividades de formación que fomenten a incorporación da muller ao mundo laboral; e potenciar o emprendemento feminino.

O cuarto dos aspectos, que fai mención á concienciación e participación social, busca organizar máis campañas resaltando a importancia da igualdade de xénero; establecer mecanismos de empoderamento feminino como, por exemplo, unha asociación de mulleres no municipio; e crear espazos de participación que involucren á mocidade. Respecto ao benestar social, os obxectivos marcados son, ademais de mellorar a calidade de vida, impulsar a práctica deportiva entre as mulleres e paliar a brecha entre as zonas urbanas e rurais do municipio, trasladando ás parroquias actividades de dinamización social.

Por último, na área de violencia de xénero, reforzarase a seguridade do municipio a través de “puntos de perigo” ou a creación dun punto violeta nos eventos máis importantes; garantirase unha correcta atención ás vítimas e organizaranse actividades dedicadas á concienciación sobre esta secuela.

ORTIGUEIRA EN CIFRAS

Estas actuacións baséanse nos datos recolleitos polo mesmo estudo, que analiza a fondo a situación económica e social de Ortigueira desde unha perspectiva de xénero.

Algunhas das cuestións recollidas son, por exemplo, que o 75% das mulleres que accederon a un emprego no concello teñen 40 anos ou máis, o que fala directamente da inestabilidade laboral que sofre o colectivo. Neste sentido, a temporalidade entre as mulleres é sensiblemente máis alta que nos homes.

Outro dato clarificador son os e as beneficiarias da RISGA. Dous de cada tres persoas que reciben esta prestación autonómica en Ortigueira son mulleres, o que fala da maior vulnerabilidade que padecen. En cifras similares móvense as pensións, que son máis altas nos homes (superando os 1.000 euros ao mes de media) que nas mulleres (que quedan por baixo dos 800 euros mensuais).

O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, afirma que “este documento é a folla de ruta para facer de Ortigueira un lugar máis seguro e próspero para nosas veciñas”. Resalta a “gran calidade do documento, que aborda a cuestión desde un punto de vista amplo e integral, cun plan que busca identificar, cuantificar e poñer solución a problemas tan graves como a brecha salarial ou a violencia de xénero”.

Por último, Calvín reitera o compromiso do goberno local con “crear unha sociedade máis xusta, inclusiva e igualitaria, onde todos e todas teñamos as mesmas oportunidades independentemente do noso xénero”.

Back to top