Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello inicia os trámites para crear dúas zonas de aparcamento no Malecón e á beira da igrexa de Devesos

  • Juan Penabad Muras explica que “a adquisición destas leiras ten o obxectivo de solucionar os problemas de aparcamento que se producen nestes puntos cando se celebran eventos ou actividades”.
  • A do Malecón está na parte inferior do cemiterio municipal e a de Devesos nas inmediacións do cemiterio, a igrexa e o local social.

Ortigueira, 9 de marzo de 2023. O Concello de Ortigueira iniciou os trámites para habilitar dúas novas zonas de aparcamento, unha no Malecón de Santa Marta e outra á beira da igrexa de Devesos.

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, explica que “a adquisición destas leiras ten o obxectivo de solucionar os problemas de aparcamento que se producen nestes puntos cando se celebran eventos como o Festival do Mundo Celta ou as festas patronais, no caso de Santa Marta, ou as actividades que leva a cabo a Sociedade de Instrución e Recreo a Devesana e o Concello, no caso de Devesos”.

Por unha banda, preténdese adquirir unha leira no Malecón, na parte inferior do cemiterio municipal, xa que, cando hai eventos como o Festival do Mundo Celta, as festas patronais, durante o Nadal, os entroidos ou a Festa do Camioneiro, o aparcamento da Alameda énchese e isto provoca problemas de aparcamento, uns problemas que tamén se producen no verán, especialmente cando se celebra o mercado semanal.

Así, considérase aconsellable adquirir por parte do Concello esta leira, pola súa proximidade tanto á zona na que habitualmente se celebran os eventos antes citados como ao cemiterio municipal, coa finalidade de habilitala para aparcamento e creando un acceso ao cemiterio.

Doutra banda, en Devesos, nas inmediacións do cemiterio, da igrexa parroquial e do local social, existe unha parcela municipal que se utiliza como zona de aparcamento nos momentos de maior afluencia pero que, polas súas características, non resulta idónea xa que, debido á pendente, só dá servizo a un número aproximado de oito vehículos. Debido a isto, os coches están estacionando na estrada principal, que conta cun único sentido de circulación, e constatouse que tamén están a facer uso dunha parcela privada anexa a unha panadería, co consecuente perigo e molestias que iso supón.

Para solucionar esta situación, preténdese adquirir un terreo de propiedade privada, cunha superficie de 4.793 metros cadrados, e que se destinará a espazo libre público e aparcamento asociado ás instalacións municipais así como ao cemiterio e á igrexa.

Por tanto, como o Concello está interesado na compra de ambas as leiras, solicitáronse os pertinentes informes técnicos para estudar a posibilidade de iniciar o proceso de adquisición.

Back to top