O Concello sensibiliza en materia de igualdade a través da arte co programa ‘Xéneroeduca’
- A iniciativa desenvolverase os meses de maio e xuño e diríxese ao alumnado do IES de Ortigueira e o CEIP José María Lage.
- Nas sesións trataranse temáticas relacionadas coa (des)igualdade, o sexismo ou a violencia de xénero.
- O proxecto está financiado a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
O Concello de Ortigueira sensibiliza e conciencia en materia de igualdade a través da arte. Faino co programa ‘Xéneroeduca’ que terá lugar ao longo dos meses de maio e xuño e que está dirixido ao alumnado do IES de Ortigueira e do CEIP José María Lage. Nas diferentes sesións, a través da creación artística, trataranse temáticas relacionadas coa (des)igualdade, o sexismo e a violencia de xénero.
A iniciativa da concellería de Igualdade, da que é responsable María Lamelas, busca ofrecer á mocidade do municipio as ferramentas necesarias para que poidan desenvolver as competencias clave que a nivel social se necesitan para poder transformar a sociedade.
Ao longo das diferentes xornadas, as e os participantes aprenderán cunha metodoloxía participativa e multidisciplinar, baseada na curiosidade e a emoción, tendo a expresión artística como principal canle de comunicación. No instituto o alumnado elaborará un cómic e no colexio as nenas e nenos crearán un mural. Cada un destes proxectos executarase da man dunha persoa especialista en igualdade e outra dedicada ao mundo da arte, a ilustración e o mural.
“Unha proposta que nos permitirá achegar a igualdade e somerxer á mocidade nela dunha forma creativa, coa que poderán expresarse, amosar os seus pensamentos e configurar xuntas e xuntos a súa propia obra mentres se conciencian e sensibilizan sobre a violencia machista, a igualdade real entre mulleres e homes ou o sexismo”, sinalou a concelleira de Igualdade, María Lamelas. A edil destacou “que a educación é a base para progresar cara unha sociedade feminista, por iso este tipo de iniciativas é fundamental”.
O proxecto educativo conta co financiamento dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.