Comeza en Ortigueira a formación en agricultura ecolóxica coa que o goberno local busca impulsar o sector
Comeza o curso de agricultura ecolóxica organizado polo Concello. Unha ducia de alumnos e alumnas comezaron coas clases sobre este sistema de produción agrícola e gandeira.
O goberno local busca “promocionar os recursos da zona para a creación de novos empregos no eido agrícola e gandeiro, así como facilitar a creación dunha cooperativa entre as persoas profesionais do ámbito”, sinalou o concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Juan Cao, na presentación da formación celebrada a semana pasada.
O curso terá unha duración de 300 horas, con sesións presenciais de catro horas e media diarias, en horario de 09:00 ás 13:30 horas os luns, mércores e venres. O programa contará cunha sesión teórica e dúas prácticas por semana. O alumnado tamén dispoñerá dunha plataforma de aula virtual. No taller participan desde persoas que xa contan con experiencia no sector, ata outras que parten de cero.
A iniciativa estenderase ao longo de cinco meses e medio e será impartida por profesorado e enxeñeiros agrónomos de dilatada experiencia, así como por persoal do Consello Regular de Agricultura Ecolóxica (CRAEGA). Unha vez superado, o Concello fará entrega dun título acreditativo ou, na súa falta, un certificado de superación.
O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, afirma que “se pode vivir da agricultura ecolóxica, é un eido polo que se está apostando e que ten futuro, polo que desde os concellos coma o noso, con gran territorio rural, debemos implicarnos nesta nova alternativa, que servirá tamén para poñer en valor ou produto da nosa terra”. Muras indica que desde o Concello preténdese dar continuidade ao curso o ano que vén dentro da súa aposta polo sector.
Contidos
Durante as sesións o alumnado aprenderá sobre a agricultura ecolóxica e a súa importancia na economía, fertilización e compostaxe, técnicas de cultivo, protección fitosanitaria, comercialización e certificación de produtos, produción de oliveiral e elaboración de aceite ecolóxico, plantas aromáticas e medicinais, gandería, fruticultura e cestería en vimbia. A formación tamén inclúe prácticas e un módulo de orientación laboral e autoemprego.