Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello reforza o departamento de Obras e Servizos coa contratación de seis peóns a través do PEL-Concellos

  • O Consistorio abre hoxe a convocatoria para contratar de forma temporal e a xornada completa a persoas desempregadas para a execución de traballos de limpeza, sega e pequenas obras de reparación e mantemento de mobiliario e sinalización.
  • O prazo para presentar solicitudes finalizará o vindeiro xoves 21 de abril.

O Concello abre unha convocatoria para a contratación laboral temporal de seis persoas desempregadas para execución de obras e servizos municipais a través do PEL-Concellos da Deputación da Coruña. O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o xoves 21 de abril, incluído.

Os postos para cubrir son de peón a xornada completa, que desempeñará funcións de limpeza, sega e pequenas obras de reparación e mantemento no mobiliario e sinalización municipal.

“Estes fondos permitirán crear seis postos de emprego a xornada completa no noso municipio, facilitando ademais a inserción laboral de colectivos vulnerables que precisan de apoio para acceder ao mercado de emprego”, explica o alcalde, Juan Penabad Muras. “Con estas contratacións tamén reforzamos o servizo que presta o Concello á cidadanía, co máximo fin de contar cunhas prestación o máis eficientes posibles, o que redunda no benestar dá cidadanía”, argumenta Muras.

Co obxectivo de ofrecer un traballo aos colectivos máis vulnerables, os criterios de selección atenderán a persoas en situación de desemprego e que se atopen nalgunha situación de exclusión laboral.

Deste xeito, os seleccionados e seleccionadas deberán ser maiores de 45 anos, mulleres, persoas con discapacidade nun grao igual ou superior ao 33 %, en situación de drogodependencia, cun fogar onde ninguén teña traballo, fogares monoparentais, sen fogar, con problemas para atopar emprego polo seu idioma ou cuestións socioculturais, vítimas de violencia de xénero ou parados de longa duración (mínimo un ano como demandantes de emprego).

O prazo para presentar solicitudes está aberto desde hoxe, 13 de abril, ata o xoves 21 (incluído). As persoas interesadas poderán presentarse a través do Rexistro do Concello ou de forma telemática na sede electrónica https://ortigueira.sedelectronica.es/info.0.

Back to top