Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE ORTIGUEIRA LIMITA O NÚMERO MÁXIMO DE PERSOAS NOS CEMITERIOS E A DURACIÓN DAS VISITAS POLA PANDEMIA

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, dictou un bando para informar das medidas específicas que terán que seguir quen visiten os cemiterios nestes días de Defuntos e Todos os Santos, como consecuencia da pandemia que estamos padecendo.

A limitación de persoas que poden estar ao mesmo tempo nos camposantos é unha das principais normas que estableceu o Concello para limitar o risco de contaxios. Así, no de Santa Marta poderá haber un máximo de 50 e no de Ladrido o tope fíxase en 20. Os cemiterios parroquiais terán limitado o seu aforo ao 50%. En todos os casos os grupos familiares ou de convivintes non poderán superar as catro persoas e as visitas non se prolongarán máis alá de media hora.

Recoméndase que os traballos previos que habitualmente se realizan nesta época do ano -limpeza e adecentamento de nichos e tumbas- se fagan antes dos días 1 e 2 de novembro, nos que soe haber máis visitas.

En todos os casos é imprescindible respectar a distancia de seguridade, especialmente ao entrar e saír dos cemiterios xa que hai un único acceso, e por suposto é obrigatorio o uso de máscara e unha hixiene de mans frecuente e meticulosa.

O alcalde pide aos veciños e veciñas o respecto a estas normas para que as visitas ao cemiterio non supoñan un risco de contaxio nunha situación tan complicada como a actual.

Back to top