O ALCALDE DE ORTIGUEIRA PIDE QUE SE LEVANTE A PROHIBICIÓN DE PLANTAR PATACAS PARA QUE A VECIÑANZA CONTE CON ESTE RECURSO CANDO REMATE O ESTADO DE ALARMA
O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, acaba de enviar ao director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias un escrito no que demanda que a Xunta exclúa ao municipio como zona infestada pola praga guatemalteca da pataca. Deste xeito, posibilitarase á veciñanza a busca de recursos propios e o autoconsumo cando se supere a etapa de confinamento, ademais de favorecerse a economía local.
O goberno lembra que desde a declaración de zona infestada, en marzo de 2017, non se plantaron patacas e que este pasado xaneiro Ortigueira volveu ser incluída como zona afectada. No escrito, o rexedor municipal insiste en que “o poder realizar no presente ano pequenas plantacións de patacas contribuiría enormemente a que as familias contasen con recursos propios e a súa situación económicosocial non fose tan precaria. Ademais, ao tratarse de cultivo para o autoconsumo ou como moito para a venta no comercio local a influencia de dito cultivo sería exclusivamente municipal”.
Diante da crise sanitaria actual, di o alcalde, moitas economías familiares ven diminuídos ou incluso desaparecidos todos os seus ingresos. Por este motivo, e tendo en conta que a situación económicosocial vai continuar durante un tempo longo desde que remate o estado de alarma, solicita á Xunta o levantamento desa prohibición e que se permita aos veciños e veciñas contar con este recurso agrícola.