Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

ORTIGUEIRA REXISTRA TRES FOCOS DE CORONAVIRUS. O ALCALDE, CONTUNDENTE: “A XENTE TEN QUE TOMAR MOITÍSIMO MÁIS EN SERIO O DE QUEDAR NA CASA”

O municipio de Ortigueira rexistra nestes momentos tres focos de coronavirus Covid-19 nos que, a día de hoxe, infectáronse un total de cinco persoas, das que catro están hospitalizadas e unha permanece no seu domicilio. Outros dous veciños están no hospital á espera de probas que confirmen se padecen ou non a enfermidade.

Ante esta situación, o alcalde, Juan Penabad Muras, quere enviar unha mensaxe de tranquilidade aos veciños e veciñas, pero tamén ser moi firme na necesidade de permanecer na casa para evitar os contaxios. “Queremos informar con transparencia para poder chegar a todos os posibles afectados e para garantir que a orixe en todos os casos está controlada, pero tamén insistir en que hai que cumprir co confinamento, agora máis que nunca”, dixo.

Segundo a información que ten a administración local, a orixe destes tres focos está nun baile celebrado o día 12 en Ortigueira; unha familia que volveu de vacacións nunha viaxe co Imserso á zona de Levante; e o contacto cunha persoa que viaxou ao extranxeiro.

O Concello estase a comunicar con todas as persoas que puideron estar relacionadas con algún destes tres focos para que permanezan nas súas vivendas e, no caso de ter algún dos síntomas que presenta o virus, para que chamen ao centro de saúde de Ortigueira -en ningún caso acudan presencialmente- ou ao teléfono 900 400 116, onde lles darán todas as pautas a seguir.

O alcalde explicou que, á marxe desas cinco persoas confirmadas con coronavirus, a maioría da xente en contacto con eses focos non presenta síntoma algún, polo que é moi importante permanecer en situación de confinamento porque os contaxios pódense producir aínda sen telos e -no caso de quen non estiveron preto dos focos- para no poñer en risco a súa saúde. Neste sentido apuntou tamén que os novos tests que se están facendo poden arroxar algún positivo máis nos próximos días, pero que o feito de que os casos sexan xa de hai dúas semanas permite certo optimismo sobre o control do coronavirus en Ortigueira.

Back to top