ORTIGUEIRA ENTERRA A SARDIÑA O VENRES, PERO SEGUE O ENTROIDO CO CERTAME DE TAPAS

O Enterro da Sardiña co que se despiden os días grandes do Entroido celebrarase en Ortigueira o vindeiro venres 8, cun desfile de rigoroso loito que dará comezo ás 21.00 horas e sairá da biblioteca municipal. O cortexo fúnebre percorrerá as rúas Francisco Santiago e Luciano Pita e a Travesía da Alameda, para proceder á “cremación” na explanada da alameda.

Entre os asistentes ao enterro sortearase unha cesta de produtos típicos do entroido.

O Concello organiza esta actividade coa colaboración da Banda de Música de Ortigueira e o departamento de Madeira e Moble do IES de Ortigueira. O alumnado deste ciclo é o encargado de deseñar e confeccionar a sardiña, que cada ano constitúe unha das principais sorpresas do desfile.

Rematada a ceremonia do Enterro da Sardiña queda aínda a parte gastronómica do Entroido en Ortigueira. Esta mesma fin de semana, do 8 a 10 de marzo, continúa o certame “Ortigueira a bocados”, no que participan 14 establecementos do municipio que servirán tapas ao prezo de 1 euro. Haberá dous premios, un do público e outro do xurado, consistentes cada un deles en 100 euros. Os clientes que participen emitindo os seus votos tamén poden optar a un xantar ou cea valorado en 60 euros nalgún dos locais que concorren ao concurso. O veredicto darase a coñecer o día 13 de marzo.

Back to top