O TEATRO DE BENEFICENCIA ACOLLERÁ O XOVES UNHA XORNADA DO CURSO DE VERÁN DE ARQUEOLOXÍA DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA

O Teatro de Beneficencia de Ortigueira acollerá o vindeiro xoves, día 5, unha das xornadas do curso de verán da Universidade da Coruña “Arqueoloxía no berce da civilización: Exipto e Oriente (III)”, que comeza mañá na Facultade de Humanidades do Campus de Ferrol para rematar o venres 6.

O programa previsto en Ortigueira dará comezo ás 10.00 horas coa benvida aos e as participantes por parte do alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras. A continuación, Jordi Vidal, da Universitat Autònoma de Barcelona, falará sobre “A cidade e o reino de Ugarit”. Ás 11.30 é a quenda de Juan Luis Montero Fenollós, profesor da Universidade da Coruña e director do curso, que dará unha conferencia sobre o tema “Tralas pegadas da cidade de Tirsá e do rei Jeroboam: Arqueoloxía e Biblia”.

Despois dunha pausa, ás 13.00 horas, retomaranse as intervencións coa de Joan Oller, tamén da Universitat Autònoma, sobre “Augusto, emperador: E faraón de Exipto?”.

Xa pola tarde, a partir das 16.00 horas, Francisco Caramelo, da Universidade Nova de Lisboa, disertará sobre “Assurbanipal, rei do mundo e de Asiria”. Unha hora despois será Ignacio Márquez Rowe, do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, o encargado de tratar o tema “Gilgamesh, de rei de Uruk a heroe mesopotámico” para dar por rematada a xornada.

Esta é a terceira vez que este curso de verán da UDC sobre Arqueoloxía desenvolve parte do seu programa en Ortigueira. Para facilitar a asistencia das persoas matriculadas haberá un autobús gratuíto desde Ferrol.

Back to top