O PROFESOR EMILIO GRANDÍO PRESENTA MAÑÁ NO TEATRO DE BENEFICENCIA O LIBRO “AS CORPORACIÓNS MUNICIPAIS DO ORTEGAL NO 36”

Mañá venres presentarase no Teatro de Beneficencia o libro do profesor Emilio Grandío Seoane, que imparte Historia Contemporánea na Universidade de Santiago, “As corporacións municipais do Ortegal no 36”. O acto, que se desenvolverá a partir das 19.30 horas, está organizado pola asociación Terras do Ortegal e contará, ademais do autor do libro e da investigación sobre a “xeración perdida” na que se basea, coa presenza do alcalde, Juan Penabad Muras; a mestra María del Mar Fernández Polo e o cronista da vila, Xosé Carlos Breixo, como presentador.

Emilio Grandío, natural de O Barqueiro, ten investigado a represión que se exerceu contra alcaldes e concelleiros republicanos da zona do Ortegal no ano 36.

A vindeira semana terán lugar varias actividades formativas en Ortigueira. Así, o luns 25 desenvolverase no Centro Social San Roque un curso sobre mobilización e coidados de persoas dependentes, en horario de 16.30 a 20.30 e que organiza o CIM de Ortigueira en colaboración coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns e a Axencia de Coñecemento en Saúde do Sergas.

Os seus obxectivos son axudar aos coidadores a adquirir habilidades para os cambios de postura da persoa da que se ocupan e crear un foro onde poidan intercambiar experiencias con profesionais da saúde.

O programa do curso -que está dirixido a pacientes, familiares, coidadores e cidadanía en xeral- inclúe nocións sobre as técnicas de mobilización das persoas con problemas deste tipo e prevención de caídas, así como as principais medidas de hixiene postural para posicións estáticas e situacións dinámicas. A axuda á deambulación, o paso dunha posición sentada a outra ergueita ou dunha silla a un sillón e viceversa, así como a mobilización de persoas encamadas son algúns dos contidos que se explicarán nesta actividade formativa.

O martes 26 rematará o ciclo “Feito a man na biblioteca: Encaixe de palillos”, coa exposición dos labores realizados e a intervención da artesá Ángeles Rodríguez Graña. O acto dará comezo ás seis da tarde.

O mércores 27 será a quenda da tecnoloxía, cunha actividade na Aula Cemit que empezará ás 10.30 horas e que leva por título “Trucos para utilizar o whatsapp”.

Back to top