O PLENO DE ORTIGUEIRA APROBA OS PROXECTOS DO POS+ 2019, CUNHA ACHEGA PROVINCIAL DE MÁIS DE 1.470.000 EUROS

O pleno do Concello de Ortigueira aprobou esta mañá a relación de proxectos incluídos no POS+2019 e no Plan Complementario da Deputación, que suman máis de 1.470.000 euros de aportación da institución provincial. Entre eles están a remodelación da praza de San Antón, obras de asfaltado en varias pistas, reparación de cubertas en edificios municipais e contribución aos gastos correntes e pago a proveedores. O proxecto, que fora tratado cos grupos municipais , recibiu os votos a favor do PSOE e BNG e contou coa abstención do PP e os non adscritos.

Na sesión aprobouse tamén, coa asbtención do Partido Popular, o establecemento dun complemento retributivo para os empregados públicos en situación de incapacidad laboral ou baixa por enfermidade, ratificando o acordo da Mesa de Negociación do Concello. Igualmente tivo o visto bo de toda a corporación a desafectación dun edificio que no seu día serviu de residencia ao profesorado de CEIP José María Lage e que deixou de ter utilidade para este fin. O Concello pretende demoler este inmoble e ampliar o espazo destinado á circulación de vehículos e mesmo dos autobuses que realizan o servizo de transporte escolar nunha zona na que se atopa tamén a Escola de Música e onde habitualmente prodúcense problemas de tráfico. Ademais, deseñarase unha praza pública ornamental para poñer en valor este espazo. O proxecto xa foi presentado á Consellería de Educación.

Outros puntos aprobados por unanimidade foron a prórroga da concesión a Costas do porto de Ladrido para o seu uso como lugar de varada de pequenas embarcacións de pesca e deportivas e do contorno natural das Frunas, que igualmente xestiona a Demarcación de Costas de Galicia.

No que se refire ás mocións presentadas ao pleno, foi aprobada por unanimidade a do grupo socialista instando ao mantemento da oficina do Banco Pastor na parroquia de Mera, por ser a máis próxima para a veciñanza desta parroquia que, coa súa desaparición, vese obrigada a se desprazar nove quilómetros ata a entidade bancaria más próxima. A que tamén rexistrou o PSOE pedindo a inmediata negociación co persoal dos Puntos de Atención Continuada por parte do Sergas e a Consellería de Sanidade sobre as súas condicións de traballo resulou aprobada coa abstención do PP.

Os populares presentaron, pola súa banda, unha moción sobre subvencións para material escolar e para becas de estudantes universitarios que foi aprobada, aínda que o PSOE non a apoiou ao terse rexeitado polo PP a enmenda formulada polo grupo socialista.

Finalmente non se aprobou a proposta relativa á cancelación dos consorcios sobre montes mancomunados.

Back to top