O DEPORTIVISTA TRILLI DARÁ MAÑÁ O PREGÓN DAS FESTAS DE SANTA MARTA

O xogador do Deportivo da Coruña Álvaro Pérez Campo “Trilli” será mañá sábado o encargado de ler o pregón das festas de Santa Marta de Ortigueira, nun acto previsto para as 21.00 horas na praza do Concello.

Trilli xa recibirá unha homenaxe do Concello o pasado mes de febreiro, para recoñecer os seus triunfos deportivos, entre eles ser o primeiro ortegano que conseguiu ser internacional por España.

Despois do pregón do futbolista terá lugar unha verbena na Penela amenizada pola orquestra Tokio. O domingo percorrerán as rúas as bandas de música de As Pontes, Vila de Cedeira, San Xoán de Calo, e a Banda de Música e Escola de Gaitas de Ortigueira, para continuar cun espectáculo de baile tradicional na Alameda coa agrupación Troula do Ortegal. A verbena, tamén na Alameda, será amenizada polo grupo Cabaret.

Ao día seguinte, o luns 29, haberá unha misa cantada pola Coral Polifónica de Ortigueira, seguida da procesión de Santa Marta, á que acompañarán o grupo de percusión Os Martiños e a Banda de Música de Ortigueira. A continuación celebrarase no Cantón un concerto da Banda de Música de Ortigueira e, xa pola noite, a verbena da Alameda contará coas orquestras Abanico e Atenas.

O martes 30 a Coral Polifónica de Ortigueira volverá cantar na misa, que nesta ocasión está dedicada á Virxe da Caridade. A imaxe sairá en procesión ao rematar a cerimonia relixiosa, acompañada pola banda Tau de Viveiro. Nesta xornada haberá un espectáculo de animación infantil a cargo da compañía de teatro Ghazafelhos nos xardíns e, para rematar, a verbena nocturna na Alameda será amenizada pola orquestra Platinium.

As festas concluirán o mércores 31 coa tradicional Xira Campestre no piñeiral de Morouzos, unha xornada de confraternidade e almorzo ao aire libre na que a música correrá a cargo do grupo tradicional Ronsel.

Back to top