O CONCELLO RECOLLE NUN CADERNO CONMEMORATIVO A HOMENAXE RENDIDA AO GARDA CIVIL ORTEGANO JOSÉ LUIS FERNÁNDEZ PERNAS, ASASINADO POR ETA

O Concello de Ortigueira ten recollido nun caderno e a disposición de todos os veciños e veciñas da vila a homenaxe que se tributou en outubro do 2017 ao garda civil ortegano José Luis Fernández Pernas, asasinado por ETA no porto de Pasajes no ano 1982.

O acto fora unha iniciativa de Xosé María Torres, amigo da infancia do finado, e consistiu nunha cerimonia solemne no salón de plenos, a firma da familia no Libro de Ouro do Concello e a entrega á viuva, Amelia Rodríguez, dun pergameo conmemorativo. Interviron, ademais do alcalde, Juan Penabad Muras, e do propio Xosé María Torres, o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Francisco Javier Jambrina, e Verónica Fernández, unha das fillas de José Luis Fernández. O acto rematou coa interpretación da “Marcha procesional do Breixo” por parte do gaiteiro Juan Barcón.

O caderno, que recolle todos os discursos e fotografías da conmemoración así como unha pequena biografía de Fernández Pernas, foi entregado á familia e á Garda Civil e atópase tamén na biblioteca municipal para que poida ser consultado pola veciñanza de Ortigueira.

A publicación ten por obxecto lembrar ao veciño asasinado por ETA e poñer en valor a homenaxe para que aqueles feitos non sexan esquecidos.

Descarga do caderno conmemorativo

Back to top