Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE ORTIGUEIRA ACORDA COA FAMILIA DE JULIO DÁVILA DÍAZ DEDICARLLE UN ANO DE ACTIVIDADES POLO 150º ANIVERSARIO DO SEU NACEMENTO

O Concello de Ortigueira está ultimando un programa de actividades para conmemorar o 150º aniversario do nacemento de Julio Dávila Díaz, ilustre ortegano cunha ampla e interesante obra literaria e xeográfica, que foi cronista oficial da vila e membro da Real Academia Galega.

O concelleiro de Cultura, Juan Cao, púxose en contacto coa familia de Dávila para explicarlles o interese do Concello por honrar a súa memoria e para ofrecer aos seus descendentes unhas pinceladas da homenaxe prevista, cuxa concreción terá que ser aprobada polo pleno da corporación.

Segundo explicou Cao, a familia acolleu con satisfacción a iniciativa do goberno local, que pretende dedicar un ano enteiro á conmemoración do aniversario empezando a difundir, no vindeiro maio, os seus artigos literarios a través das redes sociais do Concello e continuando ao longo de doce meses. Precisamente divulgar a obra de Julio Dávila Díaz é un dos eixes da celebración, que no mes de agosto -no que se conmemora o seu 150º aniversario- incluirá a organización dunha gran exposición co máis destacado da sua produción literaria.

O concelleiro de Cultura anunciou tamén a intención de dar o nome de Julio Dávila a un espazo da vila. No goberno propoñen dedicarlle unha rúa próxima a súa casa natal, aínda que non se trata dunha idea pechada senón que están abertos a elixir, de acordo coa familia e coas asociacións e entidades que xa mostraron o seu interese por homenaxear ao cronista, algunha outra zona que teña especial vinculación con el. Cao lembrou que o grupo socialista xa levara ao pleno hai anos unha iniciativa para incluír o nome de Dávila no mapa de rúas de Ortigueira.

Julio Dávila Díaz naceu en Ortigueira o 26 de agosto de 1871. Viviu boa parte da súa vida na emigración, primeiro en Uruguay e despois na Arxentina, onde cofundou a Asociación Protectora da Real Academia Galega. No 1920 ingresa na propia RAG como membro numerario, ocupando o lugar que xa tiña outro ortegano, Ramón Armada Teijeiro.

Aínda que foi autodidacta, destacou pola súa erudición, especialmente no campo da xeografía, e no 1931 publicou unha “Geografía descriptiva de la comarca de Ortigueira” na que quedan de manifesto os seus grandes coñecementos da materia. Pero tamén ten produción literaria en forma de artigos xornalísticos e mesmo de novela. Á morte de Federico Maciñeira asumiu o posto de Cronista Oficial de Ortigueira, no 1943.

Back to top