O BAR PANZAS DE BARBOS E O RESTAURANTE A TRAPELA BAR DE ESPASANTE, GAÑADORES DO CERTAME “ORTIGUEIRA A BOCADOS”

O Concello de Ortigueira vén de elixir aos gañadores do certame de tapas “Ortigueira a Bocados”, organizado na vila con motivo do Entroido durante as dúas primeiras fins de semana de marzo.

O premio do xurado á mellor tapa foi para a titulada “Un Xardín con sabor a mar”, elaborada polo bar Panzas da parroquia de Barbos, mentres que o público elixiu a “Luriña rechea de mexillón e gambón sobre alioli de mazá” do restaurante A Trapela Bar, do porto de Espasante.

Ricardo Salgado Seco foi o gañador no sorteo dun almorzo ou cea valorado en 60 euros nalgún dos 14 establecementos participantes, convocado entre o público que votou no certame.

Todos os que desexen degustar novamente as tapas gañadoras, ou achegarse a degustalas por primeira vez poderán facelo nas seguintes datas e horarios:

  • “Luriña rechea de mexillón e gambón sobre alioli de mazá”. Restaurante A Trapela Bar. (Porto de Espasante). Sábado 16 e domingo 17 de marzo de 13:00 a 15:30 h e de 19:30 a 23:30 h.
  • “Un xardín con sabor a mar”. Bar Panzas (Barbos). Venres 22 de marzo de 19:00 a 23:00 h. Sábado 23 de marzo de 12:30 a 16:00 h e de 19:00 a 23:00 h.”

A entrega de premios, que consisten en 100 euros en metálico e un trofeo para cada un destes establecementos, terá lugar a vindeira semana.

Back to top