Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O ALCALDE DE ORTIGUEIRA AGRADECE O CRIBADO QUE COMEZARÁ O LUNS E COLABORA COA INSTALACIÓN DE CARPAS E CASETAS PARA A REALIZACIÓN DAS PROBAS

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, agradece a decisión de Sanidade de realizar entre o luns e o mércores un cribado con antíxeno para detectar positivos en Covid-19 no municipio. Trátase dunha medida “moi necesaria e tranquilizadora” que responde á petición feita por Muras conxuntamente co alcalde de Mañón, Alfonso Balseiro, polo aumento de casos nos dous concellos.

A convocatoria á poboación realizarase a tráves de SMS e afectará a un total de 700 persoas de entre 51 e 64 anos, que deberán presentarse diante do centro de saúde ortegano para a realización da proba no horario da cita que se lles notifique. O alcalde deu xa as instrucións para colocar dúas carpas de abrigo no exterior destas dependencias e dúas casetas para o persoal sanitario que se ocupará de facer o cribado. Neste sentido dixo tamén que aínda que nestes momentos todos os concellos teñen en vigor un peche perimetral, estas instalacións están a disposición dos veciños e veciñas de Mañón que sexan convocados para facer as probas se as autoridades sanitarias consideran conveniente que se despracen a Ortigueira con este motivo.

O alcalde quixo insistir especialmente á veciñanza que sexa convocada para estes análises para que non se deteñan máis do imprescindible na súa realización, é dicir, que non queden falando ou facendo grupiños e que volvan á casa tan pronto como rematen. Tamén pediu que se leve máscara e recordou que se alguén non dispón desta medida de protección pode pedila no Concello. No propio lugar da proba haberá persoal de Protección Civil para axudar na organización.

Muras púxose xa en contacto coa Xerencia da Área Sanitaria para agradecer as probas e poñer o Concello á súa disposición para calquera cuestión relacionada coa loxística na que poida colaborar. O rexedor insiste ademais aos veciños e veciñas na necesidade de manter todas as precaucións posibles para frear o avance do coronavirus.

Os resultados do cribado serán moi importantes, lembrou o alcalde, para tirar conclusións e ver que medidas é necesario aplicar para reducir os contaxios, que siguen sendo moi elevados en Ortigueira, subliñou e que supoñen un motivo constante de preocupación.

Back to top