Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

ESPASANTE XA CONTA CUN SISTEMA DE DEPURACIÓN TOTALMENTE OPERATIVO

O núcleo de Espasante conta xa cun sistema de saneamento plenamente operativo despois das obras de reforma e adecuación realizadas polo Concello a través da empresa Viaqua e cun investimento de 133.500 euros. O alcalde, Juan Penabad Muras, expresou a súa satisfacción por ter solucionado un problema que se remontaba a moitos anos atrás e que non foi quen de resolver ninguna das corporacións anteriores. A posta en servizo da EDAR de Espasante mellorará notablemente a calidade de vida dos veciños e veciñas e repercutirá tamén de maneira moi positiva no medio ambiente.

O vindeiro mércores, día 29 e festivo local por ser o día de Santa Marta, haberá unha xornada de portas abertas na que os veciños e veciñas poderán visitar as instalacións e coñecer o seu funcionamento. Dará comezo ás 10.00 da mañá e os asistentes serán recibidos polo alcalde e a concelleira de Atención á Veciñanza, Belén Bello, que ademais é de Espasante.

Os traballos acometéronse para poder poñer en funcionamento un servizo que presentaba importantes deficiencias que provocaron no seu momento, entre outras cousas, o empeoramento da calidade das augas de baño na praia da Concha. A depuradora, entregada no ano 2008 ao Concello, nunca cumpriu o seu obxectivo.

O alcalde lembra que a contratación, adxudicación e execución da construción da EDAR no seu día foi responsabilidade de Augas de Galicia e que esta non chegou a funcionar correctamente nunca. Rematada a instalación, nin Augas de Galicia nin o propio Concello se fixeron cargo do funcionamento e conservación, polo que non se comprobou que a obra estivese ben executada para pedir, no seu caso, responsabilidades á empresa. Esta forma de actuar provocou -recorda Muras-, ademais do mal funcionamento da depuradora, que se acumulara débeda polo subministro de enerxía eléctrica, de forma que cando o actual goberno chegou ao Concello houbo que negociar un novo contrato sen ter que pagar as sumas anteriores.

Foi cando este goberno quixo poñer en marcha a EDAR cando se descubriu que no Concello non había un proxecto real -o que existía non se correspondía co que se fixo- de maneira que o propio alcalde foi a recoller a documentación a Augas de Galicia para poder encargar as obras de reparación.

A tramitación foi ardua, empezando pola petición de autorizacións a Portos de Galicia (dependente da Consellería de Medio Rural e Mar); Servizo de Urbanismo e Instituto de Estudos do Territorio (Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio); Demarcación de Costas en Galicia (dependente do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente); e Comisión Territorial de Patrimonio Histórico (Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria). A seguinte “sorpresa”, como a define o alcalde, foi que en Costas non constaba autorización para a construción da EDAR polo que houbo que realizar outro trámite para legalizala coa solicitude dunha concesión administrativa para a ocupación de terreos de dominio público. Sen ela non sería posible acometer as obras de reparación. Pero este servizo necesitaba reunir toda a documentación para dar a devandita autorización, de maneira que só por motivos de urxencia e para evitar vertidos contaminantes deuse permiso para realizar labores de mantemento no pozo de bombeo da zona do paseo sen incrementar a ocupación do dominio público marítimo-terrestre.

Con este informe e as autorizacións do resto dos organismo adxudicouse a Viaqua a obra por un importe de 133.506,37 euros, e foi necesario tamén contratar a dirección facultativa da obra porque o Concello non ten no seu plantel técnicos cualificados para estes traballos. Solventados todos estes trámites, a obra comezou en febreiro do ano pasado, coa previsión de rematala en agosto do 2019, pero os numerosos problemas técnicos que se foron atopando desde o comezo impediron que rematase ata o momento.

Cos traballos agora executados consíguese o correcto funcionamento da estación depuradora e dos pozos de bombeo, garantíndose a calidade das augas de verquido segundo os parámetros establecidos por Augas de Galicia. Ademais, o equipo de Muras elaborou un plan de mantemento do sistema de depuración para que non se repitan os problemas que se produxeron anteriormente.

Nas obras, en concreto, instaláronse tapas estancas para impedir a saída de cheiros cara ao exterior tanto na estación de bombeo situada na rúa Miramar como na da confluencia das rúas Hortas do Río e Praia. Námbolos dous casos procedeuse á limpeza dos pozos, á instalación dos elementos auxiliares deteriorados e de novas bombas sumerxibles, así como á adecuación da instalación eléctrica xeral de bombeo.

Na EDAR situada na estrada do Porto realizouse o baleirado, limpeza e xestión de residuos no equipo de desbaste e substituiuse o sistema anterior por un tamiz tipo escaleira. Tamén se levou a cabo o mesmo traballo no sistema de desarenado-desengrasado, coa instalación -ademais- dun novo sistema ultrasónico de medición do caudal.

Os traballos incluíron o baleirado, limpeza e xestión de residuos no reactor biolóxico, o dixestor aeróbico e o decantador secundario, coa instalación dun novo equipo de axitación do reactor e dun sistema de medición do oxíxeno disolto.

Acometéronse tamén a substitución de lámpadas, bombas de recollida de lodos e outros elementos e cambiouse o sistema de automatización para a posta en marcha da depuradora.

Back to top