Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO ALCALDE

Veciñas e veciños de Ortigueira,

Diríxome a vós para, unha vez máis, facer fincapé na importancia de facer caso ás autoridades e cumprir o confinamento.

Xa sabedes a situación que nos está tocando vivir con respecto á expansión do coronavirus no noso municipio. Ao ter detectados tres focos, a lóxica e vendo o que está a ocorrer noutros lugares dinnos que, debido á agresividade do virus o número de afectados ía a aumentar en Ortigueira se non se tomaban as medidas necesarias.

Estamos a facer todo o posible para controlar os focos pero é una actuación moi complicada e para que sexa efectiva necesitamos da vosa axuda. Desde un primeiro momento desde o Concello insistimos na importancia de manter o confinamento nas casas. Agora máis que nunca, tedes que quedar na casa si ou si. Saír só para o verdadeiramente imprescindible.

Vémonos na obriga de impoñer sancións severas para os que non cumpran as restricións marcadas. Non vale de nada intentar controlar os focos de contaxio se hai xente que se salta o confinamento.

O problema está localizado e agora o que estamos intentando é que non se expanda. Non quero alarmarvos, quero que todos e todas sexamos conscientes da importancia e da gravidade da situación que temos agora mesmo. Non podemos permitir que polo incumprimento das normas, o número de afectados se incremente nos próximos días.

Xa sabedes que Polícia Militar da Compañía de Marina do Tercio Norte está colaborando para axudar na vixilancia do cumprimento das restricións de movementos. Quero expresar o meu sinceiro agradecemento por este servizo que nos están a prestar.

Desde o primeiro día xa amosei a miña preocupación por eses tres focos porque eramos conscientes de que podía empeorar. Por iso, fixemos e estamos a facer todo o posible para controlalos. Tamén quero chamar á calma, estaba dentro das posibilidades ter algún contaxio e o que temos que facer agora para evitar máis contaxios é extremar as precaucións como estades facendo ata o de agora. Pídovos a cada un de vós concienciación. E que me axudedes. Que axudedes ao Concello. Temos que evitar que aparezan máis casos. Non é o momento de ser imprudentes.

O voso Alcalde,
Juan Vicente Penabad Muras.

Back to top