CARTA DAS MULLERES DE ORTIGUEIRA

Hoxe 8 de marzo de 2019, acabamos de celebrar o primero Pleno de Mulleres do Concello de Ortigueira. Foi unha experiencia única, na que nos sentimos cidadás de pleno dereito, decidindo sobre o noso destino como pobo dende unha perspectiva feminista. Aínda que é un pleno simbólico, as decisións foron prácticas, reais. As medidas son claras e resolutivas para mellorar a situación de toda a cidadanía e acadar unhas condicións de vida óptimas, especialmente no rural.

Con este pleno demostramos moito. Demostramos un profundo coñecemento do noso entorno, dos problemas que nos afectan como mulleres, e como veciñas. Demostramos tamén unha capacidade de diálogo sen precedentes, e unha focalización nos obxectivos de traballo que debería ser tomada como exemplo pola corporación oficial.

¿Pero, como chegamos aquí?

Os inicios non foron fáciles. As primeiras reflexións, con Cristina de Pizán, que exaltaba no século XIV as virtudes das mulleres, as primeiras denuncias de maltrato, no século XVI, nun momento en que ser muller non significaba ser unha persoa, as primeiras mulleres universitarias que tiveron acceso ao coñecemento para tomar conciencia da nosa condición, ou as sufraxistas, ou as primeiras mulleres políticas, que empezaron a loitar polos nosos dereitos hai un século…

Ao longo dos últimos anos fóronse dando pasos firmes de cara a Igualdade e dos dereitos das mulleres. Tamén se escoitan voces que pretenden arrebatarnos impunemente todo o que levamos conseguido. Como dicía Simone de Beauvier xa no século pasado: “Non esquenzades nunca que bastará unha crise política, económica, ou relixiosa para que os dereitos das mulleres se cuestionen. Estos dereitos nunca son adquiridos. Deberemos permanecer alerta durante toda a nosa vida.”

Seguimos a vivir tempos nos que é necesario estar firmes e non dar un paso atrás. Os nosos dereitos como mulleres non foron regalados, senón froito dos esforzos de moitas mulleres que loitaron por conseguilos. A nós, especialmente ás novas xeracións tócanos o turno de recoller o testigo, mantelos e seguir loitando. Loitando desde todos os ámbitos onde estamos.

Dende a casa, dende os colexios, dende os nosos traballos, dende as institucións. Calquera lugar ou calquera situación é boa para recordar os nosos dereitos, ou para rexeitarenerxicamente os micromachismos. Para en definitiva,tratar de conseguir unha igualdade real e non formal. Sendo como somos, a maioría da poboación deste Concello, as mulleres antes de ser fillas, irmás, nais, avoas, parellas, traballadoras ou compañeiras, somos cidadás de pleno dereito.

¿Pero qué pedimos as mulleres de Ortigueira?

Pedimos igualdade.

Igualdade no coidado da rapazada e das persoas maiores. A conciliación non é cousa de mulleres senón de toda a cidadanía. Igualdade na relación de parella. Cero submisión por parte da muller ou do home. Que as relacións se baseen na liberdade e o respeto. Igualdade laboral. Mesmo salario para o mesmo traballo. Mesma consideración para os nosos curriculums.

Igualdade nos servizos do rural. As mulleres que residimos nas parroquias estamos máis alonxadas dos servizos, con graves problemas de comunicación e transporte. Que se loite para paliar esta situación. Dende o pleno de mulleres adoptamos acordos para que se promova dende as nosas institucións, a igualdade, e a cohesión social e territorial na enorme diversidade do Concello de Ortigueira.

Pedimos Dignidade.

Que se valoricen os traballos de coidado aos que dedicamos varias xornadas laboráis ao día, con pensións dignas no futuro. Que non perdamos a nosa identidade. A nosa historia e a cultura propia, as nosas tradicións, a toponimia. Que se preserven para que non acaben no esquecemento. Que se fortalezan os nosos servizos públicos e se loite pola súa permanencia no rural, especialmente a sanidade, a dependencia, e a educación e que o feito de estar no rural non sexa unha dificultade para o seu acceso en condicións de dignidade e calidade.

Pedimos Xustiza.

Que deixen de agredir os nosos corpos! Dende todos os ámbitos. Estamos cansadas de que os nosos corpos sexan motivo de mercadoría, que se pague por poseelos, por explotalos, ou por ensinalos. Queremos tamén que a xustiza abandone dunha vez o patriarcado. Que non nos fagan culpables cando se xulga un delito sexual contra alguén que cometera violencia contra os nosos corpos. Especialmente no rural. que se fortalezan as medidas de seguridade para as agresións por violencia contra as mulleres. Temos dereito como cidadás a vestirnos como nos de a gana, a camiñar libres por todos os espazos, e calquer hora. Temos dereito a non ter medo.

O primeiro 8 de marzo en 1857, non foi un día feliz. Vaia por esas mulleres libres e fortes que por primeira vez plantaron cara ao patriarcado sen medo. Sen medo a perder cartos, sen medo a o rexeitamento social, sen medo incluso á morte. Elas Achairaon un camiño polo que hoxe, 8 de marzo de 2019, vamos todas andando, cada día máis tranquilas e con máis esperanza.

A todas as mulleres e a todos os homes de Ortigueira. Exerzamos o noso poder como cidadáns para transformar o noso municipio e impulsar xuntas todos estes cambios nun marco solidario, de paz, liberdade, diálogo e igualdade.

Back to top