AS OLIMPÍADAS RURAIS DE COUZADOIRO CHEGAN O SÁBADO Á SÚA SEXTA EDICIÓN

A parroquia de Couzadoiro acollerá este sábado, día 8 de setembro, a VI edición das súas Olimpíadas Rurais, que coinciden coa celebración da Romaxe do Loreto. Organizada pola asociación de veciños coa colaboración do Concello e da Deputación Provincial, a xornada dará comezo ás 11.30 horas no Teleclube de Couzadoiro cun faladoiro sobre “Alternativas renovables” que correrá a cargo de Pablo Álvarez, presidente da cooperativa A nosa enerxía.

Ás 12.30, na igrexa de San Cristovo, terá lugar a ofrenda floral ça Virxe do Loreto e a continuación, ás 13.30, dará comezo a parte musical do programa, co grupo Triversión e a degustación de cervexa artesá.

Despois dun xantar que incluirá pinchos variados, langostinos e carne ao caldeiro empezarán as Olimpíadas Rurais. A partir das 17.00 e que incluirán recollida de carozas, carreiras de carretillas por parellas, lanzamento de paxe, subida ao eucalipto, refegamento de maínzo, competición de corte con tronzador, carreira de sacos familiar e tiro de corda interfamiliar.

A entrega de premios está prevista para s 20.00 horas e aínda haberá cea con empanada vexetariana e callos como menú, seguidos dunha queimada. A partir das 22.00 horas volverá a música con Os Carecos e Skol.

Back to top