ALUMNAS DO IES DE ORTIGUEIRA INVESTIGAN AS RAZÓNS POLAS QUE AS RAPAZAS ELIXEN MENOS MATERIAS DO ÁMBITO CIENTÍFICO NA ESO

Dentro dos actos do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, dúas alumnas do IES de Ortigueira -Lucía Otero e Aitana Galdo- están a desenvolver un traballo que leva por título “Girls&STEM” e que ten como obxectivo atopar os motivos polos que as rapazas elixen menor número de materias do ámbito científico na ESO e, como consecuencia, no estudos posteriores tanto universitarios como de FP. As súas promotoras levaron a cabo unha enquisa realizada a 308 estudantes, baixo a coordinación da profesora Sandra Gómez, e están a analizar os datos conseguidos para extraer conclusións.

Con motivo da mesma celebración, o departamento de Tecnoloxía do IES organizou o pasado luns unha charla impartida por Nuria Díaz Pérez, bióloga ambiental e xefa do Laboratorio de Química de EndesaAs Pontes. A finalidade desta cita, programada polo departamento de Tecnoloxía do instituto, era fomentar a reflexión entre o alumnado sobre o baixo número de mulleres presentes nos estudos tecnolóxicos, e visibilizar o papel da muller en todo o sector científico e tecnolóxico.

Back to top