Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

ADXUDICADA Á EMPRESA VIAQUA A REFORMA E ADECUACIÓN DA DEPURADORA DE ESPASANTE

A empresa Viaqua resultou adxudicataria das obras de reforma e adecuación do sistema de saneamento de Espasante, solucionando así os problemas que a depuradora tiña desde que foi entregada ao Concello no ano 2008.

O investimento previsto para esta intervención era de 158.936,16 euros, IVE incluído, e a empresa presentou unha oferta de 133.506,37 euros, tamén co IVE incluído. Os traballos desenvolveranse nun prazo de seis meses.

As obras afectarán ás estacións de bombeo da rúa Miramar e a situada na confluencia das rúas Hortas do Río e Praia, así como á propia estación depuradora. Nas dúas primeiras instalacións colocaranse unhas tapas axeitadas para impedir a saída de olores e levaranse a cabo a limpeza interior dos pozos, a colocación de novas bombas e a adecuación da condución eléctrica. Na EDAR acometerase o vaciado, limpeza e xestión de residuos así como a instalación de novos equipos para que poida funcionar con normalidade.

As obras pódense levar a cabo despois de que o Concello tramitara os permisos correspondentes ante cinco organismo. Coa súa execución darase solución ao problema da depuración en Espasante e garantirase unha mellor calidade de vida para os veciños e veciñas.

Back to top