ABERTO O PRAZO PARA A SOLICITUDE DE INSTALACIÓN DE POSTOS DE ARTESANÍA NO FESTIVAL DE ORTIGUEIRA

O Concello de Ortigueira, comunicou as condicións para o desenvolvemento da feira de artesanía que ten lugar coincidindo co Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, no seu 41 aniversario. As datas de apertura serán os días 11, 12, 13, e 14 de xullo 2019.

Haberá tres modalidades de participación: artesáns, artesanías do mundo e postos ambulantes, podendo solicitarse máis dunha opción no caso de non axustarse á preferida. En ningunha das tres opcións poderán ofertarse alimentos ou bebidas. Os interesados na venda de comida e bebida deben presentarse a través das bases para postos de restauración, que serán publicadas en próximas datas.

As solicitudes, para artesáns e artesanías do mundo serán presentadas ata o día 12 de abril de 2019 inclusive. En particular, poderán realizarse no rexistro xeral do Concello de Ortigueira, xa sexa de forma presencial, electrónica a través da sede electrónica ortigueira.sedelectronica.es, ou por correo ordinario (neste caso non se admitirán as que se reciban despois do 5 de abril, aínda que leven o matasellos do día 12 ou anterior).

No caso da venda ambulante, os vendedores poderán facer a súa reserva enviando a súa ficha de solicitude cuberta do 3 ao 14 de xuño de 2019 inclusive. En particular, poderán realizarse no rexistro xeral do Concello de Ortigueira, xa sexa de forma presencial, electrónica ou por correo ordinario. En todo caso, non se admitirán aquelas que se reciban máis tarde do día 14 de xuño.

As solicitudes aceptadas serán expostas no taboleiro de anuncios do concello e na la páxina web www.festivaldeortigueira.com coa súa correspondente referencia e prezo a abonar.

Baixo o lema “Oito nacións, unha cultura” o festival acolle unha edición na que se agarda superar a afluencia de público de pasados anos, grazas ao excelente do cartel de actuacións que se están concretando, os múltiples obradoiros e actividades, así como o crecente reclamo que supón a música celta en todo el mundo.

Back to top