A INAUGURACIÓN DO BELÉN DE CAMILO DÍAZ BALIÑO ABRE ESTE SÁBADO A PROGRAMACIÓN DE NADAL

A inauguración do espectacular Belén firmado por Camilo Díaz Baliño na Igrexa parroquial de Santa Marta abrirá este sábado, día 1 de decembro, o programa de festas de Nadal en Ortigueira. A obra do insigne artista gráfico está datada no ano 1924 e constitúe unha das máis emblemáticas representacións do nacemento de Xesús de toda Galicia. E nunca mellor dito o de representación, porque a disposición das figuras faise sobre un teatriño desmontable deseñado tamén por Díaz Baliño.

O acto de inauguración –organizado pola Unidade Interparroquial de Ortigueira- está previsto para as 19.30 horas e correrá a cargo da profesora Iria-Friné Rivera Vázquez. Ao termo do mesmo actuará a Escola de Gaitas de Ortigueira.

Ao día seguinte, o domingo 2, celebrarase no mercado municipal o Obradoiro de Nadal “Navidad entre fogones”. A partir das 12.30 horas haberá obradoiros infantís e de adultos tanto de cociña como de adornos. Para esta actividade, organizada por “Ortigueira entre fogones” coa colaboración do Concello e Mundo Diversión, é necesaria a inscrición.

A seguinte actividade é o mércores 5, ás 17.30 horas na biblioteca, donde se desenvolverá outro taller, o Biblionadal, neste caso para nenos e nenas de 3 e 4 anos, tamén con insrición previa.

O venres 7 ás 19.30 horas a Coral Polifónica de Ortigueira organiza no Teatro de Beneficencia o tradicional Encontro de Corais, no que actuará, ademais da anfitrioa, a Coral da Área Sanitaria de Ferrol.

O sábado 8 será a quenda do humor, co monólogo “Risoterapia” a cargo de David Perdomo no Teatro de Beneficencia. Esta actividade está organizada pola comisión de festas de Espasante e dará comezo ás 19.30.

O domingo 9, ás 18.00 horas, inaugurarase, tamén no teatro, a exposición de fotógrafos locais “Recunchos de Ortigueira”, coa proxección previa dun vídeo. Nesta iniciativa participan os fotógrafos Toni Rego, Juan Ínsua, Sonia Fernández, Diego Pérez, José F. Fustes, Manuel Villasuso, Noelia Iglesias, Javi Piñeiro, Toño Ramos e Álvaro F. Polo. Ao rematar, procederase ao acendido das luces de Nadal na praza de Isabel II, cos nenos e nenas da agrupación Troula do Ortegal, que actuará no acto.

Nesta primeira semana de decembro está previsto tamén colocar a decoración confeccionada a gancho e calceta con la pola veciñanza de Ortigueira dentro da campaña “Queres axudar a vestir o Nadal?”, que encherá os árbores e mobiliario urbano da vila de cores alegres.

Ademais entre o 6 e o 9, coincidindo coa ponte da Constitución, organízanse dúas visitas guiadas diarias ao Teatro de Beneficencia, ás 11.30 e ás 12.30.

A programación do Nadal retomarase o mércores 12, ás 17.30 horas na biblioteca cunha nova actividade de Biblionadal nesta ocasión para nenos e nenas de 5 e 6 anos.

O sábado 15, a partir das 17.00 horas, terá lugar na praza de Isabel II o “Festinadal”, unha iniciativa destinada aos más pequenos con obradoiros de chapas, artesanía, etc.

O mércores 19, os talleres de Biblionadal estarán dirixidos á rapazada de 7 anos en diante e cara á fin de semana a música volverá ser protagonista das festas. O venres 21 haberá un festival no que participarán a Escola de Música e a Coral Polifónica de Ortigueira e que dará comezo ás 19.30 na igrexa parroquial. O sábado 22 á mesma hora e no mesmo escenario terá lugar un Concerto de Nadal a cargo da Banda de Música de Ortigueira. Para pechar a semana, o domingo 23 celebrarase no Teatro de Beneficencia un concerto solidario a favor de Aspromor organizado polo coro de Espasante coa colaboración do Concello. Será a partir das 19.00 horas.

O luns 24, coincidindo coa Noiteboa, a carpa da Alameda acollerá desde as 17.00 horas unha Festa Infantil de Nadal na que haberá animación musical, globoflexia e xogos e, por suposto, a visita de Papá Noel.

Despois do Nadal, o xoves 27 de decembro desenvolveranse no teatro as I Xornadas Terras do Ortegal, organizadas pola asociación do mesmo nome coa colaboración do Concello e nas que se falará do Camiño dos Arrieiros. Presentará Bernardo Penabade e intervirán Javier López Fernández e Vanesa Trevín. Comezarán ás 19.30 horas.

O venres 28, ás 11.00 na biblioteca celebrarase un Obradoiro musical co título “Imos cantar o Nadal”, a cargo de Xandobela. Está pensado para nenos e nenas de 4 a 12 anos e será con inscrición previa. Xa pola tarde, ás 20.30, a Escola de Gaitas de Ortigueira ofrecerá un concerto solidario no Teatro de Beneficencia.

Durante todo o mes, do 1 ao 24 de decembro, desenvolverase a iniciativa Xanelas do Nadal, na que veciños e veciñas iluminan os seus portais e invitan a compartir un pequeno ágape.

Xa no mes de xaneiro, a véspera de Reis a Cabalgata das Súas Maxestades de Oriente fará un percorrido pola vila que dará comezo ás 18.00 horas e rematará na praza de Isabel II, onde Melchor, Gaspar e Baltasar recibirán aos nenos e nenas e escoitarán as súas peticións.

A concelleira de Cultura, Vanesa Trevín, destaca que a programación do Nadal deste ano é moi participativa e deseñada contando con asociacións e entidades da vila. Toda ela xira arredor da idea de Ortigueira como localidade acolledora.

Back to top