Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A AUGA DO DEPÓSITO DE FREIRES VOLVE SER APTA PARA O CONSUMO DESPOIS DE CORRIXIDOS OS VALORES DE TURBIDEZ

A empresa Viaqua, concesionaria do abastecemento de auga ao Concello de Ortigueira, notificou ao alcalde, Juan Penabad Muras, que dá por pechada a incidencia co servizo desde o depósito de Freires e que a auga volve a ser apta para o consumo en todas as zonas que se surten desde estas instalacións.

O pasado luns informábase de que as fortes choivas provocaran a crecida do río Freires e arrastres de terra que deron como resultado que os parámetros de turbidez da auga almacenada no depósito estivesen por enriba dos valores aconsellables. De inmediato axustouse a dose de hipoclorito de sodio para a desinfección, ao tempo que se procedía á renovación da auga almacenada. Estas medidas correctoras, xunto coa diminución da intensidade da choiva reconduciron a situación ata uns índices normais.

O alcalde agradece o traballo que se levou a cabo para resolver o problema no mínimo tempo posible así como a información recibida para poder trasladala aos veciños e veciñas. Durante a incidencia, o propio Concello subministrou auga embotellada ás persoas afectadas.

Back to top