Valentín Calvín ‘debuta’ como alcalde axilizando xestións para o Festival Internacional de Ortigueira
- O novo rexedor reuníuse cos técnicos do evento, o sarxento da Garda Civil e a Policía Local no seu primeiro día de traballo
- Reforzar o área de Servizos Sociais é unha das prioridades neste comezo de mandato
- O primeiro pleno desta nova etapa podería celebrarse a finais desta semana para constituir as mesas electorais dos comicios do 23 de xullo
O novo alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, ‘debutou’ este luns no posto de rexedor nunha xornada intensa con varias reunións de traballo. Varios destes encontros tiveron como temática a organización do Festival Internacional do Mundo Celta local, que se celebrará entre os días 9 e 16 de xullo, e que require axilizar trámites en diversas cuestións. Un deles, o seu plan de seguridade.
Calvín reuníuse co técnico do evento, co sarxento da Garda Civil do posto de Ortigueira e con representantes da Policía Local, como paso previo á convocatoria da mesa de seguridade para o acto cultural, que se podería celebrar o vindeiro 3 de xullo. “É necesario axilizar os trámites para ter todo preparado para un evento no que acolleremos máis de 100.000 visitantes”, recoñeceu o alcalde.
Ademais, o alcalde xa xestiona a fórmula para reforzar a área de Servizos Sociais do Concello de Ortigueira, á que pretende dotar dun novo traballador con experiencia para potenciala.
En canto á confección do equipo de goberno, o grupo popular ten previsto concretalo nos próximos días para facelo oficial, probablemente, ao longo da próxima semana. Previamente, a presenza no horizonte das eleccións xerais do 23 de xullo obriga a convocar un pleno urxente para constituír as mesas electorais. Este pleno será o primeiro do novo mandato que comezou o pasado sábado en Ortigueira.