Un centenar de mulleres reivindican o seu papel no desenvolvemento local no XIII Encontro de Mulleres de Ortigueira
Ortigueira celebrou, un ano máis, a contribución das mulleres rurais no desenvolvemento da localidade. O Restaurante Orillamar de Espasante acolleu o XIII Encontro de Mulleres de Ortigueira, no que un centenar de ortigueiresas se reuniron nunha xornada festiva e entrañable que reivindicou o papel das mulleres na evolución do municipio.
Precisamente para enxalzar a achega feminina, as presentes recibiron o libro ‘Con voz de muller’, enfocado á contribución das mulleres de Ladrido. Con este recompilatorio desenvolvido polo Centro de Información á Muller (CIM) preténdese recuperar, dar a coñecer e poñer en valor o labor de mulleres que naceron e creceron na parroquia. Precisamente por ese traballo diario nunha época na que a muller tiña un papel de menor recoñecemento na sociedade con respecto foron ‘axentes do cambio’.
O acto foi presidido polo alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, e a concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Elisa Dorna. O rexedor quixo agradecer a asistencia e a participación das mulleres de Ladrido no proxecto, ademais de lembrar o importante apoio da Consellería de Política Social. Pola súa banda, a responsable de Igualdade recalcou o valor “reivindicativo” dun acto transcendental para recoñecer o valor da muller no desenvolvemento local.