TEATRO E MAXIA NA PROGRAMACIÓN CULTURAL DE ORTIGUEIRA PARA ESTE MES
O Concello de Ortigueira retoma a súa programación cultural este sábado coa representación da comedia “Por vía oral”, de Dinamo Producións, que fora aplazada polas restricións da pandemia. Será no Teatro de Beneficencia ás 19.30 con aforo limitado, como establece a normativa da Xunta, e cun prezo das entradas de 3,5 euros. Pedro Brandariz e Ánxela Triana analizan en clave de humor o sistema sanitario, narrando as vivencias dun doente que ingresa nun hospital.
O teatro volverá ser protagonista a vindeira semana, pero neste caso para os pequenos e pequenas da casa. Produccións Teatrais Excéntricas levará o venres 19 ao mesmo escenario do Teatro de Beneficencia a obra familiar “Cartoons”, tamén co prezo de 3,5 euros. A partir das 18.00 horas, dous pallasos, Víctor Mosqueira e Josito Porto, contarán a historia de dous tipos que o perderon todo e teñen que volver aprender desde o principio. A reciclaxe, a amizade, a solidariedade, a hixiene ou o exercicio físico serán algúns dos temas que se tratarán nesta obra, con altas doses de humor.
O sábado 27 será a quenda da maxia, co espectáculo Nanomaxias, do Mago Román. Actuará ás 19.30 no Teatro de Beneficencia con entradas a 3,5 euros. O artista, Premio Nacional de Maxia, ofrecerá un show no que o humor, a comedia de situación e a participación do público serán fundamentais.