SETE VECIÑOS DE ORTIGUEIRA HOSPITALIZADOS, TODOS ESTÁN ESTABLES
A situación en Ortigueira en relación co coronavirus Covid-19 mantense nas últimas horas estable, segundo informou o alcalde da localidade, Juan Penabad Muras. Nestes momentos hai sete veciños do municipio hospitalizados, dos que seis confirmáronse xa como casos positivos. Unha destas persoas está ingresada na UCI en situación estable, e o resto dos enfermos mantéñense tamén sen empeoramentos e, nalgún caso, mesmo con algunha melloría.
O alcalde lamentou o retraso nos resultados das probas porque aínda hai varias persoas pendentes de saber se están infectadas e polo tanto é imposible determinar cal é a situación real de contaxio no municipio. De todas maneiras, considerou que a situación no día de onte e o de hoxe permiten certo optimismo porque non hai novas persoas que presenten síntomas do coronavirus.
O Concello continúa a realizar o seu labor coas tarefas de desinfección, sobre todo nos lugares onde apareceron os contaxios e equipando ao máximo ao persoal encargado de realizalas. Tamén está especialmente volcado na difusión de toda a información disponible e cumprindo escrupulosamente os cometidos que lle competen en función do decreto de estado de alarma.
Despois dunha xuntanza da Comisión de Seguemento e Asesoramento do Alcalde -formada polos concelleiros do goberno e persoal técnico e de seguridade- acábase de emitir un novo bando no que insiste nunha serie de medidas de protección para a poboación en xeral:
-Comprar os produtos de primeira necesidade como máximo unha vez ao día e só unha persoa por familia. Neste sentido, recomendou tamén que se aproveite a saída dun veciño ou dun familiar para conseguir que haxa canta menos xente exposta, mellor.
-Nos establecementos que se manteñen abertos evitar aglomeracións e manter a distancia de seguridade dun metro. Os clientes deberán permanecer dentro o menor tempo posible.
-Dedicar o tempo imprescindible a sacar ao can á rúa, sen distanciarse do domicilio e sempre en solitario. Levar unha botella de auga con deterxente para limpar os lugares onde os animais fan as súas necesidades e limitar estes paseos ao mínimo de veces posible ao día.
No bando lémbranse as sancións establecidas polo incumprimento das restriccións impostas no estado de alarma e o alcalde engadiu que xa hai case medio cento de denuncias en Ortigueira.
“Temos que ser moi conscientes de que estamos a vivir momentos moi difíciles, polo que apelamos á vosa responsabilidade e solidariedade, á vez que agradecemos a vosa colaboración”, dixo Juan Penabad, que permanece á espera da resposta á súa petición en relación coa habilitación dun hospital de campaña na residencia de Aspromor. A Subdelegación do Goberno trasladou hoxe a proposta ao Ministerio.