PENABAD MURAS COMPROMETE O APOIO DO CONCELLO PARA IMPULSAR E PROMOCIONAR O CAMIÑO DO MAR
O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, reuniuse esta semana co presidente da Asociación do Camiño do Mar, Manuel Vicente, para estudar novas vías de colaboración que contribúan a seguir impulsando e promocionando este roteiro.
No encontro, Manuel Vicente informou de que o itinerario xa conta co recoñecemento do Cabildo da catedral de Santiago, “máxima autoridade eclesiástica” segundo o mesmo recoñeceu e que, así pois, “xa é a efectos prácticos unha ruta xacobea, polo tanto, as persoas que a transiten poderán selar a súa credencial de peregrinación nos diferentes municipios polos que transcorre para logo obter a Compostela á súa chegada a Santiago”, destacou.
Ante esta premisa, solicitou o apoio do Concello para colaborar na creación dun selo para que os peregrinos e peregrinas poidan incluír na súa credencial ao seu paso por Ortigueira.
O rexedor do municipio, Juan Penabad Muras, comprometeu o apoio municipal nesta materia. “Un selo que debería ademais ser distribuído non só no Concello, senón no comercio local e establecementos hostaleiros, involucrando a toda a veciñanza no Camiño, creando conciencia da súa existencia, esencial para que as xeracións máis novas o coñezan e sigan transmitíndoo ás que veñen”, explicou sinalando que o roteiro “é unha parte do patrimonio inmaterial do concello e dos outros municipios polos que pasa”.
Tanto o rexedor como o presidente da entidade coincidiron na necesidade de levar a cabo un traballo conxunto para visibilizar un itinerario“que segue a ser descoñecido por moitas persoas”. Penabad Muras transmitiu na reunión a posibilidade de abrir no futuro unha oficina do peregrino para ofrecer ás persoas que se acheguen ao municipio a oportunidade de coñecer este roteiro e a aqueles que a están percorrendo a posibilidade de obter máis información.
Penabad Muras tamén informou a Manuel Vicente de que desde o Concello xa se instou á Xunta a que inclúa o Camiño do Mar como roteiro xacobeo, e insistirá para que sexa unha realidade, unha acción que permitirá dar gran impulso informativo e recoñecemento a este itinerario de peregrinación.