Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

OS GALEGOS FAÍSCAS DA PONTRAGA, PRIMEIROS FINALISTAS DO CONCURSO RUNAS DE NOVOS VALORES DA MÚSICA CELTA

Finalizado o prazo de votación, dáse coñecer o primeiro dos tres finalistas que actuarán en 2021 no Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.

Faíscas da Pontraga fundouse en xullo de 2002, tras unirse catro amigos para participar nun concurso de cuartetos tradicionais. Esta primeira reunión deveu noutras e permitiu a incorporación de novos integrantes e instrumentos ata constituírse na “charanga tradicional” que hoxe son.

Ademais da presentación oficial ante a súa xente ese mesmo ano, realizaron multitude de presentacións e concertos pola península (Euskadi, Burgos, Bierzo, Salamanca, Valladolid…), por Europa (Italia, Portugal, Suíza…) e en abril do 2017 cruzaron o Atlántico para facer unha xira polo RÍO DE LA PLATA, con varios concertos en Arxentina (Buenos Aires e Mar de la Plata) e Uruguai (Maldonado e Montevideo).

En decembro de 2015 gravan o seu primeiro traballo discográfico chamado “ VELAÍ VÉN!”, que sae á luz en abril de 2016 e que presentaron oficialmente o 25 de xuño do mesmo ano.

Este disco gravouse co pretexto de seguir divulgando a cultura tradicional e sobre todo deixar constancia do seu traballo nun soporte que asegure a súa supervivencia co paso do tempo.

Aínda que son un grupo que fai música de corte tradicional, con gusto pola investigación e recuperación de temas populares recollidos a través da trasmisión oral, que logo expoñen en concerto cunha presenza principalmente instrumental e vocal, aderezan nos seus directos cunha pequena mostra de baile tradicional. Son xa máis de 600 concertos nos seus 16 anos de camiño, recuperando e mantendo sons e melodías que nos transportan no tempo, que non no espazo, pois a súa raíz é inconfundible.

https://www.facebook.com/osfaiscasdapontraga/

https://www.instagram.com/faiscasdapontraga/?hl=es

Back to top