OS CURSOS DO INSTITUTO ORTEGANO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA ACADAN UN 61% DE INSERCIÓN LABORAL
O Concello de Ortigueira fai un balance moi positivo dos cursos de formación realizados a través do Instituto Ortegano de promoción Económica (IOPE) durante os anos 2017 e 2018, que acadaron un 61% de inserción laboral entre os seus participantes.
O alcalde, Juan Penabad Muras, lembra -ao fío destes resultados- que un dos obxectivos que se marcaron coa súa chegada ao goberno era poder establecer unha estratexia axeitada para frear o desemprego, por entender que este era o reto principal para mellorar a vida dos veciños e veciñas.
Esta estratexia pasou pola elaboración dun plan de formación baseado nos sectores que identificaron como xacementos de emprego no territorio e, como apunta Muras “os resultados superaron con creces as expectativas iniciais, polo que estou moi satisfeito de ter acadado ese 61% de inserción laboral nos últimos dous anos”.
Aínda que considera que hai moito traballo por facer, o alcalde entende que estes bos resultados demostran que “estamos no bo camiño e temos que seguir avanzando nesta liña, para superar ano a ano esta cifra”. Neste sentido engade que “non temos unha variña máxica, pero contamos coa planificación, a competencia dos nosos técnicos e a constancia no traballo”.
Pola súa banda, a coordinadora da formación do IOPE, Marika Álvarez Casás, coincide en destacar a importancia da planificación e dos estudos previos en materia de formación para elaborar as estratexias adecuadas, e incide en que neste caso fíxose un análise das necesidades detectadas en canto ao perfil profesional demandado por parte dos e das empregadores para desenvolver o programa formativo.
Os cursos que se levaron a cabo foron:
-Auxiliar de cociña (15 alumnos e un 66% de inserción).
-Carretillas elevadoras (tres edicións cun total de 36 alumnos e unhas porcentaxes do 60, 75 e 50% de inserción respectivamente).
-Cociña avanzada (14 alumnos cun 70% de inserción).
-Traballos en altura (12 alumnos cun 66% de inserción).
-Prevención de Riscos (dúas edicións con 40 alumnos en total e un 65 e 40% de inserción respectivamente).
Este ano desenvolveranse dous módulos formativos: Illamento e impermeabilización e Montaxe de estructuras metálicas, tamén tendo en conta os sectores estratéxicos.