Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

ORTIGUEIRA VIVE O NADAL MÁIS PARTICIPATIVO, SOLIDARIO E SOSTIBLE CON ADORNOS DE MATERIAIS RECICLADOS E COLABORACIÓN VECIÑAL

O Concello de Ortigueira aposta un ano máis por un Nadal participativo no que se quere dar protagonismo á veciñanza e conseguir unhas festas sostibles. Así, un colectivo de veciños e veciñas ocupáronse de elaborar elementos decorativos para a vila utilizando plástico reciclado e coa colaboración, nalgúns dos obradoiros, do alumnado do CEIP José María Lage. Pola súa banda, un grupo de patchwork da asociación Gamelas e Anduriñas de Espasante contribuíron con outros adornos utilizando esta técnica e reciclando telas e confeccionaron por segundo ano consecutivo unha espectacular árbore. A orixinal decoración de Nadal xa se está a colocar nos espazos públicos de Ortigueira.

A concelleira de Cultura, Belén Bello Castro, agradeceu o traballo dos veciños e veciñas para embelecer a vila durante estas festas.

Pero non é esta a única maneira de implicar á veciñanza nestas festas. Desde o 1 de decembro e ata a Noiteboa desenvólvese por quinto ano consecutivo a iniciativa “Xanelas de Nadal”, na que, seguindo un calendario, cada fogar decora unha das súas fiestras e invita aos veciños e veciñas á “inauguración”, ofrecéndolles un pequeno ágape.

A programación de Nadal vai moito más alá. Durante todo o mes de decembro, os mércores desenvólvense na biblioteca obradoiros para os nenos e nenas, que terán tamén unha festa infantil o día 24 ás 17.00 horas nunha carpa instalada na Alameda. A esperada visita de Papá Noel será ás seis e media da tarde. O día 25 a rapazada volverase reunir neste mesmo lugar para continuar a festa.

En canto á actividade cultural, este sábado Teatro da Ramboia levará a Ortigueira “O meu mundo non é deste reino”, unha adaptación da obra de Manuel María “Farsa de Bululú” que é unha parodia contra as dictaduras. A representación será no Teatro de Beneficencia ás 19.30 horas.

A música terá tamén moito protagonismo nas festas. O venres 20 na igrexa de Santa Marta -onde está aberto ao público un espectacular belén montado sobre escenarios deseñados por Camilo Díaz Baliñohaberá un Concerto de Nadal da Escola de Música do Concello de Ortigueira, a partir das 19.30 horas. Á semana seguinte, o venres 27, celebrarase un Festival Solidario da Escola de Gaitas de Ortigueira, neste caso no Teatro de Beneficencia ás 20.30 horas. O sábado 28 ás 19.30 será a quenda da música clásica, coa actuación, tamén no teatro, do trío de corda dirixido por Mijail Moriatov. O prezo das entradas é de 3 euros.

E para rematar a programación de decembro o domingo 29, no mesmo escenario, de novo a solidariedade será o eixe central do festival organizado polo Coro de Espasante a beneficio de Aspromor (Asociación Pro-Minusválidos de Ortegal), desde as seis da tarde.

Back to top