Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Ortigueira protagoniza mañá a primeira etapa da XIX Volta ciclista á provincia

  • A Volta á provincia da Coruña regresa despois de dous anos de parón pola pandemia e celebrarase o 27, 28 e 29 de maio nos municipios de Ortigueira, A Laracha e A Pobra do Caramiñal.
  • Muras participou esta mañá no acto de presentación do encontro, celebrado na sede da Deputación, ao que asistiron tamén o presidente provincial, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, o alcalde da Pobra do Caramiñal e a concelleira de Promoción Económica da Laracha.

Ortigueira será mañá, venres 27 de maio, escenario da primeira etapa da XIX Volta ciclista á provincia da Coruña. O alcalde do municipio, Juan Penabad Muras, participou esta mañá no acto de presentación da proba na sede da Deputación da Coruña. No encontro estiveron, ademais do rexedor ortigueirés, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, a deputada de Deportes, Cristina Capelán, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, o alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, e a concelleira de Promoción Económica da Laracha, Rocío López.

A competición celebrarase ao longo dos días 27, 28 e 29 de maio nos municipios de Ortigueira (1ª etapa), A Laracha (2ª etapa) e A Pobra (3ª etapa) e nela participarán un total de 18 equipos. A Volta ciclista á provincia é unha das probas máis importantes do calendario Elite-Sub23.

“Que Ortigueira sexa protagonista este ano dun evento deportivo tan consolidado coma este é unha oportunidade única para dar a coñecer os recursos do municipio”, indicou Muras. “ Temos moito que ofrecer desde punto de vista paisaxístico, patrimonial e gastronómico. Ortigueira é mar, montaña e hospitalidade no paraíso das músicas do mundo celta”. O rexedor do municipio sinalou que o encontro impulsará a economía local e agradeceu á Deputación e ao seu presidente a confianza depositada no municipio. Muras tamén trasladou as súas felicitacións á Federación polo traballo “que fai posible que esta Volta á provincia celébrese desde o ano 2002”.

O presidente da Federación Galega de Ciclismo subliñou que esta “Volta ciclista move a unhas 300 persoas entre deportistas e organización. Se a isto lle engadimos público e familiares de deportistas, as cifras son aproximadamente de preto de 1.000 persoas seguindo directamente” esta competición, informou.

Pola súa banda, o presidente provincial, Valentín González Formoso, agradeceu a Ortigueira, A Laracha e A Pobra, que “ sexan os protagonistas desta edición”.

Percorrido nesta primeira etapa

A XIX Volta ciclista á provincia conta cuns 400 quilómetros de percorrido total, que terá o seu inicio no Malecón de Ortigueira. Así pois, o percorrido circular no municipio realizarase mañá, 27 de maio, a partir das 12:00 horas desde o sinal de entrada cara a Cuíña. No termo municipal o itinerario seguirá por Senra, San Claudio, Mera de Abaixo e Mera de Arriba para deixar o concello e dirixirse a Cerdido e Valdoviño, retornando por San Sadurniño de novo a Ortigueira. O regreso realizarase pola Avda Escola de Gaitas, Avda da Penela, Luhía, Barbos, O Baleo, Couzadoiro cara Montecalvelo, concello de Mañón, e retorno de novo por Loiba, O Viso, Céltigos, Espasante e Ladrido cara a meta no Malecón de Ortigueira, pasando por Luama e volta de circunvalación cara Miñaño. Un total de 136,4 quilómetros de percorrido.

Todos os detalles do itinerario:

https://www.voltacoruna.com/_ files/ ugd/ cb46a9_5a33733056254 c3797842600a0 ce1 fb7.pdf

 

Back to top