Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Ortigueira promove a participación cidadá coa Línea Verde, unha aplicación para notificar incidencias

  • Con esta ferramenta, os veciños e veciñas poderán avisar desde o seu móbil sobre danos que poidan atoparse no municipio
  • A través desta iniciativa, o Concello pretende coñecer as demandas da poboación e dar solución o máis axiña posible
  • Juan Penabad Muras anima aos ortigueireses para utilizar esta APP para “ construír Ortigueira todas e todos xuntos”

O Concello súmase aos máis de 500 municipios que a nivel nacional dispoñen do servizo Línea Verde. Unha aplicación móbil a través da que os veciños e veciñas poderán notificar incidencias no municipio e coa que o equipo de goberno local pretende atender as demandas da poboación o máis axiña posible. O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, anima “a empregar esta ferramenta, a través da que se poderá transmitir información e peticións ás que atenderemos e daremos resposta na maior brevidade posible”, indicou. O rexedor sinalou que esta canle “ ofreceranos a posibilidade de coñecer as demandas e necesidades da nosa veciñanza, que tamén poderá plantexar consultas medioambientais”.

Deste xeito, o Concello busca impulsar a participación cidadá, “fundamental para construír Ortigueira todas e todos xuntos”. A través desta plataforma os usuarios e usuarias poderán notificar diferentes incidencias en materia de beirarrúas e calzadas, rede de sumidoiros, iluminación, lixo, mobiliario urbano, parques e xardíns, puntos de auga, sinais e semáforos, limpeza, animais abandonados, recollida de mobles ou vandalismo, entre outros.

Para poder utilizar este novo servizo é necesario proceder á descarga da APP Línea Verde. Para iso, o usuario ten que acceder a Google Play ou APP Store en función da tecnoloxía empregada no seu Smartphone (Android/ iOS). Unha vez localizada, leva a cabo a descarga de forma gratuíta. A partir dese momento, o usuario selecciona o municipio sobre o que quere comunicar a incidencia. O procedemento é moi rápido e sinxelo.

Como utilizar Línea Verde

Para comunicar unha incidencia, basta con pinchar sobre o botón “Nueva Incidencia”. Un despregable coas diferentes tipoloxías de incidencias aparece en pantalla. O usuario selecciona aquela sobre a que quere comunicar. De forma automática, a APP detecta as coordenadas exactas nas que se sitúa o dano. O seguinte paso é achegar unha foto da incidencia e observación sobre a mesma. Xa só queda dar ao botón de enviar. Unha vez enviada, persoal do Concello recibe notificación do dano comunicado. A partir deste intre, inícianse os trámites para dar solución á incidencia detectada. O cidadán á súa vez recibe notificación no seu teléfono móbil sempre que se produza un cambio no estado da mesma.

A través de Liña Verde, o usuario tamén pode expor calquera consulta ambiental. Basta con seleccionar a opción de “Haz tu consulta”. Nun prazo máximo de 24 horas terá resposta por parte dun equipo de expertos na materia de forma completamente gratuíta. Ao servizo Liña Verde tamén se pode acceder a través do domino www.lineaverdeortigueira.gal. Ademais de comunicar unha incidencia ou expor unha consulta, o usuario dispón dun amplo contido de consulta ambiental (guía de boas prácticas, consellos, información propia do municipio…). Línea Verde tamén ofrece os seus servizos a través de contacto telefónico no número 902 193 768 en horario de 8.00 horas a 17.00 horas (custo da chamada 0,07 €/ min).

Comunicacións informativas do Concello

Outra das posibilidades que ofrece esta ferramenta é o envío de comunicacións informativas por parte do Concello aos cidadáns que así o desexen. Desta forma, ademais de implantar unha canle para resolver incidencias de mantemento no municipio tamén podemos facer chegar a información de servizo público que se considere oportuna como o corte de tráfico dunha rúa, o horario de determinados espectáculos municipais, ou o corte de auga ou luz que se poida producir en calquera punto. Tamén poden consultar os principais puntos de interese que se localicen no municipio e información relevante sobre o mesmo. O Concello de Ortigueira anima aos veciños da súa localidade para utilizar o servizo Línea Verde. A través da implantación deste servizo e grazas a unha importante participación cidadá, pretende lograr un municipio que cumpra coas expectativas de benestar social dos seus veciños.

Ortigueira_Incidencias_diptico_

Back to top