Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Ortigueira presenta a súa axenda de actividades para o mes de febreiro, centrada no ‘Entroido 2023’

  • O sábado 25 de febreiro terá lugar a presentación do cartel do Festival Internacional Mundo Celta 2023
  • No concurso de disfraces da Alameda repartirán máis de 5.000 euros en premios

O Concello de Ortigueira vén de presentar a súa axenda cultural para este mes de febreiro, que terá como foco central o ‘Entroido 2023’.

As actividades darán comezo xa este mesmo martes, 7 de febreiro, co ‘Biblioentroido’ na Biblioteca Pública Municipal de 16:30 h a 18 h. Organizan un taller de disfraces de entroido para os alumnos de educación infantil e primaria, para o que será necesario formalizar a inscrición, xa que as prazas son limitadas.

O sábado día 11, no Teatro da Beneficencia, terá lugar a obra de teatro infantil “O libro máxico”, na que os nenos e nenas poderán rir e cantar. Será a partir das 18:00 horas e a entrada terá un custo de 3 euros.

O martes día 14, a partir das 11:30 h, terá lugar no Teatro da Beneficencia a conferencia “A administración preto de ti. Asesoramento para vos trámites electrónicos en liña”, organizado pola subdelegación do Goberno, para asesorar á hora de realizar os trámites máis habituais e axudarán a realizar o certificado dixital.

Ese mesmo día, na Biblioteca Pública Municipal volverá realizar outra quenda de ‘Biblioentroido’ para realizar, ou continuar, os disfraces de entroido para alumnos de educación infantil e primaria. Será de 16:30 h a 18 h e hai que realizar inscrición.

O sábado, día 18, a partir das 18 h, comezará o Entroido do Porto de Espasante, organizado pola Comisión de Festas de San Antón en colaboración co Concello. Haberá unha xornada con sesión vermú, comida popular con menú típico para estas datas, pasacalles, sorteos, verbena e fin de festa con dj.

O domingo 19, na Alameda de Ortigueira, a partir das 17 h celebrarase a Festa Infantil de Entroido con Cantabaila e ás 19 h comezará a Degustación de Doces de Entroido, na que colababora a Asociación Ortigueira entre fogóns.

O luns día 20, ás 17 h comeza a Festa Infantil de Entroido na Alameda e a partir das 21 horas celebrarase o gran Desfile, Concurso e Festa de Disfraces, no que colabora a ACO (Asociación de Comerciantes de Ortigueira).

O venres 24, para poñer fin á programación de entroido, terá lugar o tradicional ‘Enterro da Sardiña’, a partir das 20:30 h na Alameda.

Festival Internacional Mundo Celta 2023

O sábado, 25 de febreiro, a partir das 20:30 h no Teatro da Beneficencia, terá lugar o acto de presentación do cartel do Festival Internacional Mundo Celta 2023. Ademais, daranse a coñecer os primeiros nomes que se subirán ao escenario da Alameda o próximo mes de xullo. Acto seguido, Anxo Lorenzo e Eoghan Neff ofrecerán un concerto para todos os asistentes.

Exposicións

Desde o 23 de febreiro, no Claustro do Concello, estará aberta ao público a exposición fotográfica Lost in Woodlands Photography “Capturando a natureza” de Álvaro Lambas.

Back to top