Ortigueira prepárase para a eclipse solar cun programa de divulgación científica, sendeirismo e a retransmisión en directo do fenómeno
A xornada do próximo 12 de agosto incluirá talleres infantís por idades, un roteiro guiado pola serra da Coriscada e a emisión comentada en pantalla xigante a cargo do xeógrafo e meteorólogo Chema Sierra.
O Concello de Ortigueira, a través da concellaría de Turismo, deseñou unha completa axenda de actividades para celebrar a eclipse solar que terá lugar este mércores, 12 de agosto. A programación está pensada para todos os públicos e combina o coñecemento científico, a divulgación meteorolóxica e o contacto coa natureza a través do patrimonio neolítico do municipio, ofrecendo a veciños e visitantes unha experiencia inesquecible con motivo deste fito astronómico.
A xornada dará comezo durante a mañá cunha serie de talleres científicos gratuítos dirixidos a nenos e mozos a partir de tres anos, os cales se desenvolverán simultaneamente entre as 11.00 e as 13.30 horas na carpa instalada na Alameda. A oferta formativa adaptouse por tramos de idade: o alumnado de educación infantil de 3 a 6 anos desfrutará de cuacuentos e xogos de luz e sombras; os nenos de 6 a 12 anos realizarán diversos experimentos prácticos e participarán nun taller para construír as súas propias lentes de observación; mentres que as persoas maiores de 12 anos traballarán na elaboración dunha maqueta explicativa sobre o funcionamento das eclipses. Todos os participantes nestes talleres recibirán de forma gratuíta un par de lentes homologadas para a observación segura do fenómeno.
O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, destaca a transcendencia deste evento manifestando que “queremos que Ortigueira viva este fenómeno astronómico dunha forma participativa, educando ás novas xeracións e involucrando a toda a cidadanía nunha experiencia histórica que pon en valor a nosa contorna natural”.
Pola tarde, a actividade trasladarase tanto á natureza como ao corazón da vila. Ás 17.30 horas partirá un roteiro de sendeirismo guiada cara á serra da Coriscada, na que os asistentes percorrerán as paraxes próximas a diversos xacementos do Neolítico para culminar a xornada presenciando a eclipse solar desde un punto privilexiado da paisaxe ortegana. Do mesmo xeito que os participantes matutinos, as persoas que realicen o roteiro de sendeirismo tamén recibirán lentes homologadas para visualizar a eclipse sen ningún tipo de risco. Para tomar parte tanto na camiñada como nos talleres da mañá, requírese inscrición previa a través da Oficina de Turismo ou mediante o teléfono e WhatsApp 981422089.
Pantalla xigante para ver a eclipse cos comentarios dun experto
De forma paralela, o Concello instalará unha pantalla xigante na carpa da Alameda para retransmitir a eclipse en directo e en tempo real. A emisión arrincará ás 16.30 horas con contidos promocionais e informativos do municipio, dando paso ás 19.25 horas á narración especializada do xeógrafo e experto meteorólogo local Chema Sierra, quen comentará a evolución do fenómeno ata as 21.21 horas. A asistencia á carpa para presenciar a retransmisión é totalmente libre e aberta a todo o público sen necesidade de reserva previa.
Pola súa banda, a concelleira de Turismo, Joaquina Piñeiro, subliñou o atractivo turístico da proposta sinalando que “coordinamos unha proposta accesible e variada que abarca desde a dinamización infantil ata o turismo activo e a retransmisión en directo, convertendo á Alameda e á serra da Coriscada en epicentros dun evento único que atraerá por centos de visitantes”.
Como complemento a esta intensa xornada de actividades, o Concello lembra que continúa aberta ao público a exposición divulgativa ‘Eclipses de Sol’, a cal se pode visitar actualmente tanto no claustro do Concello como nos distintos centros sociais das parroquias do municipio.