Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Ortigueira pon en marcha, xunto con Cariño, Mañón e Cerdido, a segunda edición do obradoiro “Terras do Ortegal”

O Concello de Ortigueira desenvolverá, conxuntamente cos Concellos de Cariño, Mañón e Cerdido, o obradoiro de emprego “Terras do Ortegal II”. Para levalo a cabo, Ortigueira recibiu da Xunta de Galicia unha subvención de 411.870 euros. O taller estará centrado no ámbito da atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. No formaranse un total de 20 alumnos e alumnas e terá unha duración de 9 meses.

A iniciativa foi proposta polo alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, quen suxeriu aos seus homólogos de Cariño, Mañón e Cerdido levar a cabo este proxecto conxunto, comprometéndose a asumir de maneira proporcional os custos non subvencionados que poidan xurdir. Segundo os termos do acordo entre os catro concellos, o de Ortigueira será o responsable da xestión técnica e administrativa do taller, incluíndo toda a tramitación e contratación do profesorado, así como a selección do alumnado.

O taller impartirase na propia localidade de Ortigueira, e a maioría dos participantes procederán deste municipio. Ortigueira formará e contratará a 9 persoas do seu municipio, 3 de Mañón, 5 de Cariño e 3 de Cerdido. Durante o desenvolvemento do taller dual de emprego, as e os alumnos-traballadores recibirán formación profesional en alternancia coa práctica profesional. Desde o inicio do taller, os participantes serán contratados polo Concello de Ortigueira baixo a modalidade de contrato para a formación e a aprendizaxe, e recibirán o salario correspondente.

Ao finalizar o taller, o alumnado recibirá un certificado expedido polo Concello de Ortigueira. Este certificado permitiralles solicitar o Certificado de Profesionalidade na especialidade de “atención a persoas dependentes en institucións sociais”, acreditándoos como profesionais cualificados para traballar tanto no servizo de axuda a domicilio como en centros de día e outras institucións sociais.

O alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, afirma que “estamos moi satisfeitos de conseguir sacar adiante a segunda edición deste taller de emprego en colaboración cos concellos de Cariño, Mañón, incluíndo agora tamén a Cerdido”. “Este proxecto é unha gran oportunidade para formar aos nosos veciños e veciñas nunha área tan esencial como a atención sociosanitaria a persoas dependentes, un sector cunha alta demanda laboral. Con esta iniciativa, non só damos acceso a unha formación de calidade, senón que tamén fomentamos o emprego na nosa comarca, algo que é prioritario para nós”, asevera o rexedor.

Calvín salienta no agradecemento por “a implicación dos alcaldes dos concellos veciños neste proxecto conxunto e o seu compromiso para garantir que se poida levar a cabo de maneira exitosa. O noso obxectivo é que os participantes do taller non só adquiran coñecementos teóricos, senón tamén experiencia práctica que lles permita incorporarse ao mercado laboral de maneira inmediata”.

Back to top