Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Ortigueira e a Xunta de Galicia promoven o turismo de natureza coa posta a punto do ‘Sendeiro de Devesos’

Concello de Ortigueira e Xunta de Galicia pecharon un novo convenio de colaboración que aposta pola promoción do turismo de natureza do municipio ortegano.

O alcalde, Valentín Calvín, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asinaron un acordo a través do cal se creará o ‘Sendeiro de Devesos’, co que se impulsará o turismo de natureza e patrimonial.

O convenio establece a realización dunha serie de actuacións precisas para a creación da senda, como a limpeza da totalidade do trazado e a súa adecuación e marcaxe, así como a instalación de sinais e de paneis informativos. Para isto, estipúlase un orzamento total duns 30.000 €, que asumirá Turismo de Galicia por completo.

Durante a súa intervención, o director de Turismo destacou que a colaboración permitirá tamén “integrar a poboación local no desenvolvemento do destino turístico”, a través do uso e goce da nova infraestrutura, ademais “de concienciar sobre a importancia da conservación da biodiversidade e do medio ambiente”.

Así, o rexedor, acompañado por parte do equipo de goberno, fixo entrega de varios agasallos de recordo ao director Turismo e agradeceu “a sempre predisposición a colaborar da Xunta de Galicia para poder levar a cabo iniciativas como esta, que fomentan a actividade turística do noso municipio, así como a conservación dos nosos espazos naturais.

Baixo a denominación ‘Sendeiro de Devesos’, este novo roteiro partirá da antiga escola indiana coñecida como A Devesana para percorrer 7,4 quilómetros, ata o seu final na fervenza de Lombao. Estímase unha duración media de tres horas para o itinerario, que pasará por elementos crave do patrimonio natural e arquitectónico da zona, como son a igrexa de San Sebastián de Devesos, a serra da Panda, o Santuario de Santa María de Portas ou o muíño de Lombao.

Back to top