Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

ORTIGUEIRA DESEÑA UN AMPLO PROGRAMA DE ACTOS PARA CONMEMORAR O DÍA DA MULLER

A Concellería de Igualdade de Ortigueira organiza unha serie de iniciativas arredor do 8 de marzo para conmemorar o Día da Muller. A programación inclúe actividades lúdicas, formativas, culturais e de confraternidade. A primeira delas é unha sesión de contacontos destinada a menores de entre 4 e 12 anos de idade que leva por título “Os Contos da Leiteira”, e que correrá a cargo de OQO Editora. Será o día 4 de marzo na biblioteca municipal a partir das 17.30 horas.

Ao día seguinte, no IES de Ortigueira ás 12.30 horas, a compañía Chévere impartirá a charla educativa “O día que as mulleres gobernen o mundo todo será distinto”.

O 6 de marzo, a orientadora laboral do Concello dará na Aula CeMIT un curso sobre busca de emprego a través das TIC. Desenvolverase de 9 a 12 horas e o prazo de inscrición para tomar parte no mesmo xa está aberto.

A actividade central, o mesmo 8 de marzo ás 13.30 horas, será o XI Encontro de Mulleres que, como é habitual, terá lugar no restaurante Orillamar de Espasante. As inscricións deberán realizarse no CIM, con data límite o 5 de marzo, aínda que se pechará antes se se esgotan as prazas dispoñibles.

O Centro Social de Ortigueira acollerá o día 9 ás 10.30 horas a presentación dun programa de autocrecemento destinado a mulleres con discapacidade. Será impartido pola asociación Acadar baixo o título “Enrédate”. Tamén neste caso é preciso apuntarse porque as prazas están limitadas. O prazo xa está aberto.

E como complemento a todas estas actividades, durante todo o mes de marzo permanecerá exposta no Claustro do Concello a exposición do Centro de Información á Muller, “Mulleres cambiando o mundo”.

Back to top