Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

ORTIGUEIRA DESCOBRE A PLACA DOS NOVOS ‘ XARDÍNS JULIO DÁVILA’ EN HOMENAXE AO XEÓGRAFO NO 150 ANIVERSARIO DO SEU NACEMENTO

“Hai 150 anos, un 26 de agosto, nacía moi preto de aquí Julio Dávila Díaz e, por fin, 50 anos despois do seu falecemento, o Concello salda unha débeda histórica cunha das persoas que máis merecía un espazo público dedicado a súa figura”. Juan Penabad Muras, alcalde de Ortigueira, descubriu esta tarde a placa dos novos ‘ Xardíns Julio Dávila’.

O Consistorio homenaxeou onte a esta destacada figura da cultura e historia ortegana co cambio de nome dos xardíns do Malecón, que desde agora denominaranse ‘ Xardíns Julio Dávila’. Unha proposta que foi aprobada en pleno por unanimidade o pasado mes de xullo.

A elección dos xardíns como espazo dedicado á memoria deste xeógrafo, escritor, historiador e filólogo non é unha mera casualidade. “É coñecida por todos a pegada que Dávila deixou no urbanismo e transporte da nosa terra, sirva de exemplo a xestión para a construción do Malecón”, sinalou o rexedor do municipio, Penabad Muras. Estes xardíns forman parte do legado de Dávila, que tivo un papel decisivo tanto no seu trazado como na elección das especies arbóreas que agora mesmo atópanse neles.

Na descuberta da placa no lugar participaron tamén membros da corporación local e familia de Dávila. O acto contou coa intervención de dúas dos seus netos, Jaime e Beatriz, que expresaron o seu agradecemento pola homenaxe. Por outra banda, ante a imposibilidade de asistir ao evento, o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Fernández Freixanes, fixo chegar ao Concello un escrito con motivo da conmemoración.

Nesta xornada, inaugurouse tamén no claustro do Concello a exposición ‘Julio Dávila. 150 aniversario’. No acto interveu o cronista oficial do Concello, Carlos Breixo. Con ela o Concello pretende impulsar e dar a coñecer a figura e obra do xeógrafo, claves na historia municipal.

Julio Dávila, historia de Ortigueira

Nacido en Ortigueira no 1871, Julio Dávila Díaz emigrou mozo a Concepción do Uruguai, onde comezou a traballar como telegrafista. Máis adiante, antes de volver a España, trasladaríase a Buenos Aires. A súa obra inclúe narrativa e ensaio, destacando publicacións como “Apuntamentos xeográficos do partido xudicial de Ortigueira” ou “Xeografía descritiva da comarca de Ortigueira”, coas que estuda e percorre a xeografía da comarca.

Dávila foi ademais socio fundador da Asociación protectora da Real Academia Galega (RAG), xerme da RAG, da que foi membro. O seu compromiso con Ortigueira levouno a conseguir importantes melloras para o municipio, como a construción do peirao e o ferrocarril. Os xardíns do Malecón forman tamén parte do seu legado.

A súa destacada traxectoria, sempre defendendo os dereitos dos orteganos, levouno a ser nomeado cronista oficial do Concello e fillo predilecto de Ortigueira.

Back to top