Ortigueira clausura o primeiro curso da Universidade Sénior no municipio, que formou a trinta persoas maiores de 50 anos
- Coa formación “ Coñecendo ou Camiño coa Universidade Sénior” as persoas participantes puideron aprender máis sobre a historia da ruta xacobea.
- Esta tarde tivo lugar a terceira conferencia desta iniciativa, centrada na influencia provenzal na lingua e a literatura a través do Camiño.
- Tamén se celebrou a clausura desta primeira edición do programa de democratización do coñecemento no municipio, na que participaron o alcalde de Ortigueira, a directora e a subdirectora da Universidade Sénior e o concelleiro de Educación e Cultura.
Ortigueira despediu esta tarde a primeira edición do programa de democratización do coñecemento da Universidade da Coruña no municipio, na que participaron 32 persoas da comarca de Ortegal. No acto de clausura, celebrado no Teatro da Beneficencia, participaron o alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, e a directora da Universidade Sénior, Matilde García Sánchez, que estiveron acompañados polo concelleiro de Educación e Cultura, Juan Cao, e a subdirectora da Universidade Sénior, Ana Ares Pernas.
O rexedor ortegano sinalou o éxito da iniciativa “que forma parte da aposta que desde ou equipo de goberno facemos pola educación, co obxectivo de que a formación chegue a todas as persoas do noso concello independentemente da súa idade”, explicou Penabad Muras. Un total de 32 persoas maiores de 50 anos da comarca participaron no curso “ Coñecendo o Camiño coa Universidade Sénior” organizado pola UDC coa colaboración do Concello, contando con financiamento da Xunta de Galicia.
O curso ofreceu ao longo deste mes de outubro un total de tres conferencias sobre a historia do Camiño impartidas por profesorado da UDC. A primeira delas, levada a cabo polo profesor Álvaro J. Iglesias Maceiras, tratou sobre o “Santiago Apóstolo: Historia, mito e lenda”. Seguiulle outro relatorio sobre “A arte, expresión e creatividade no Camiño”, desenvolta por María Elvira Lezcano, e a última, celebrada esta tarde antes do acto de clausura, baixo o título “A influencia provenzal na lingua e literatura a través do Camiño de Santiago”, impartida polo profesor Xoán López Viñas.
“A educación é a base dunha sociedade que progresa e se desenvolve, por iso desde o Concello quixemos sumarnos a esta iniciativa da UDC, á que agradecemos que contase con nós para poñer en marcha este proxecto na zona do Ortegal, contando con Ortigueira como sede”, sinalou Penabad Muras no acto de clausura da formación. “A través desta acción búscase democratizar o coñecemento, ofrecendo ás persoas mairoes de cincuenta anos a oportunidade de formarse e seguir desenvolvéndose no ámbito cultural” expresou o alcalde. O rexedor tamén fixo fincapé na oportunidade que ofrecen estas clases para que veciños e veciñas cren novos lazos.
O Concello súmase así ao Programa Universitario para Maiores da Universidade da Coruña, a Universidade Sénior, que desde fai máis dunha década imparte clases nas cidades da Coruña e Ferrol.