Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

ORTIGUEIRA CELEBRARÁ O ENTROIDO CUN CONCURSO DE DOCES O DÍA 23 E OUTRO DE DISFRACES O 24

O Concello de Ortigueira convoca a XXIV Xornada Gastronómica de Doces do Entroido para o domingo 23 de febreiro, a partir das 20.00 horas. Poderán participar os veciños e veciñas a título persoal inscribíndose -gratuitamente- antes do 21 de febreiro no Concello ou chamando ao número de teléfono 981 400 000. A organización entregará unhas bandexas nas que terán que presentarse obrigatoriamente as sobremesas. A presentación será o día 23 de 18.00 a 19.00 horas e o xurado decidirá os premios a continuación, antes de que comece a degustación popular na carpa instalada na Alameda.

As categorías que se establecen son: orellas, bolas, freixós e pistrinos, cada unha delas con dous premios de 100 e 75 euros.

As asociacións poderán optar a un premio de 150 euros se hai un mínimo de dez socios participando nalgunha das categorías.

Coincidindo con esta data haberá tamén un día dedicado aos nenos, cunha festa infantil que dará comezo ás 17.00 horas con inchables, obradoiros e música, previa a xornada gastronómica.

Por outra banda, o Concello tamén organiza para o luns 24 de febreiro un concurso de disfraces para o que se establecen as seguintes categorías:

  • Individual. Para maiores de 12 anos. Haberá tres premios de 100, 75 e 50 euros.
  • Parellas e tríos. Poden participar os menores de 12 anos se van acompañados por un adulto. Haberá tres premios de 200, 150 e 100 euros.
  • Grupos de 4 a 10 integrantes. A maior parte deberán ter máis de 12 anos e calquera neno ou nena menor desta idade terá que ir acompañado por un adulto, tamén disfrazado. Haberá tres premios de 400, 300 e 200 euros.
  • Grupos de 11 ou máis integrantes. Con requisitos para a idade iguais aos do apartado anterior. Haberá tres premios de 700, 500 e 300 euros.
  • Asociacións e centros educativos. Deberán ter un mínimo de 10 integrantes, dos que a maior parte teñen que ser socios do colectivo ao que representan. Valorarase especialmente o traballo en grupo, interxeracional e a participación colectiva. Haberá un único premio de 500 euros.

A inscrición é gratuíta e deberá realizarse antes das 14.00 horas do 21 de febreiro no Concello ou chamando al teléfono 981 400 000, ou ben o mesmo día 24 na biblioteca entre as 19.00 e as 20.00 horas. Será precisamente na biblioteca onde os e as participantes terán que recoller o número de orde, que levarán nun lugar visible do disfrace, para o desfile. Este sairá ás 21.00 horas hacia a carpa da Alameda.

O tempo de duración da coreografía que se represente na carpa será de entre 2 e 4 minutos. O xurado valorará especialmente o vestiario e estética dos participantes, a creatividade nos disfraces e a posta en escea e animación.

O Entroido en Ortigueira ten, ademais, outras propostas. O sábado 22 a comisión de festas do Porto de Espasante organiza un pasarrúas, a sesión vermú, un xantar popular e unha verbena, ademais de actividades infantís. E o venres 28, despois do gran concurso do día 24, celebrarase o Enterro da Sardiña, con saída desde a biblioteca ás 20.00 horas ata a Alameda, onde terá lugar a queima.

Back to top