Ortigueira abre o prazo de inscrición para as actividades deportivas do curso 23-24, que comezan este luns
O Concello de Ortigueira abre hoxe a inscrición para as actividades deportivas municipais do curso 2023-2024. Un curso para o que a área de deportes compuxo un programa conformado por oito disciplinas xa activas desde a próxima semana e ás que se sumarán outras cinco en breve.
A natación é a actividade estrela da Piscina Municipal, pois conta con varias modalidades: para adultos en horarios de mañá e tarde, para menores de idade, para grupos avanzados e para bebés. Todas as categorías e grupos desenvólvense de luns a venres en diferentes horarios.
Tamén as instalacións da Piscina Municipal acollerán a actividade de Tai Chi, que se desenvolverá durante 70 minutos os martes, entre as 19:45 e as 20:55 horas.
Mentres, os alumnos poderán elixir unha sesión á semana entre o luns e o venres, que sempre se desenvolverá de 10 a 10:45 horas. A maiores, os venres haberá unha sesión acuática. Para esta actividade débese dispoñer de informe ou certificado médico.
Doutra banda, os luns e os venres ás 17:00, os usuarios rexistrados poderán gozar de 45 minutos de Ximnasia de Mantemento. A maiores, comezará a disciplina de Body Pump, que se intercalará con circuítos de Hiit. Ambos son tipos de adestramento físico intenso que se desenvolverán en sesións de 45 minutos entre as 17:15 e as 19:30 horas dos martes e os xoves.
A maiores, os máis pequenos poden iniciarse en actividades ximnásticas e de psicomotricidade cunha clase de 45 minutos que se desenvolverá de 16:30 a 17:15 os mércores.
Xa no Polideportivo Municipal poñerase en marcha Voleibol, en colaboración co Club Deportivo Aldebarán. Haberá dous grupos de menores de idade. O primeiro, previsto para mozos de ao redor de 8 anos, adestrará dúas horas os xoves a partir das 16:00 horas. O segundo traballará con mozos de, aproximadamente, 12 anos e máis. Contará con dous días de adestramento (xoves e venres) a partir das 18:00 horas.
Para as próximas datas están previstas as convocatorias de pádel, fútbol sala, patinaxe, andainas e ximnasia en parroquias.
Calquera información adicional pode ser consultada na Piscina Municipal, onde tamén levan a cabo as inscricións.
Dinamización social
A maiores, o Concello de Ortigueira tamén pon en marcha as inscricións para as actividades de dinamización social nos centros sociais. Concretamente, trátanse de talleres de Memoria e de Novas Tecnoloxías, que se desenvolverán ata decembro do 2023.
As inscricións finalizan o 10 de outubro e pódense formalizar no edificio de Servizos Sociais ou chamando ao 981 400 000 para contactar coa educadora familiar.